Edición 2015 Galician Gourmet Extravaganza

A Coruña acolle a entrega dos premios Excellence creados na Galician Gourmet Extravaganza

A Cámara de Comercio da Coruña foi o lugar escollido para facer entrega destes galardóns, que foron o resultado da avaliación dun xurado profesional que se deu cita durante a celebración en Londres da primeira parada da GGE

Un total de cinco viños e unha augardente foron os acredores dos primeiros premios Excellence, creados polos impulsores da Galician Gourmet Extravaganza (GGE), unha iniciativa coa que se quere impulsar sinerxías e internacionalización das pequenos empresas de produtos galegos de calidade, e que tivo a súa primeira parada hai unhas semanas en Londres.

Stibadia branco 2014, de Bodegas Tabú (D.O Monterrei); Quinta Couselo Selección 2011, de Adegas Quinta Couselo (D.O Rías Baixas); Algueira Leiras 2011, de Adegas Algueira (D.O Ribeira Sacra); A Teixa 2012 de Adegas Luís Anxo Rodríguez (D.O Ribeiro); As Sortes 2012, de Adegas Rafael Palacios; e a augardente Pazo de Señoráns (adegas Pazo de Señoráns), CRIIGG Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia foron as elaboracións que recibiron estes premios, unha figura coa imaxe do Galicia Gourmet Extravaganza realizada polo artista galego José Gude que simboliza a honestidade, o carisma e a determinación do galego, que non importa de onde vén, senón onde vai.

Os premiados foron elixidos de entre unha trintena de viños e destilados que participaron na cata celebrada na capital británica, seleccionados por Luís Paadín, quen tamén tomou parte no xurado catador, xunto con expertos catadores como Tim Hall (director de Scala Wine), Daphne Teremetz (encargada da selección de viños do Grupo Spar), Juan Carlos Recuncho (xornalista e catador de Decanter),  Xullo Tauste (catador do grupo Launceston Place), etc.

O presidente da Cámara de Comercio coruñesa, Marcelo Castro-Rial Schuler; o director xeral da entidade cameral, Gonzalo Ortiz Amor, e a director da área de Internacionalización do Igape, Abel Veiga, foron os encargados de entregar os Award of Excellence aos representantes das adegas premiadas.

Comparte...