A cosecha 2015 da Denominación de Orixe Monterrei recibe a cualificación de “moi boa”

A cosecha 2015 da Denominación de Orixe Monterrei recibe a cualificación de “moi boa”

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Monterrei celebrou o mércores, 11 de maio, a Cata de Cualificación da Colleita 2015

Nesta cata, celebrada na sede do propio Consello Regulador, participaron algunhas das principais asociacións profesionais do sector, así como algúns dos membros do Panel Oficial da Denominación de Orixe Monterrei, quen cualificou como “moi boa” a anada 2015 dos viños de Monterrei.

Unha representación proporcional de viños da D.O. Monterrei someteuse ao xuízo do comité para valorar a presente colleita. Ditas mostras foron analizadas por cada un dos catadores, que realizaron unha valoración a cegas de todas elas para manter así criterios de obxectividade, xa que se trata de mostras anónimas.

A nota final para a presente colleita resultou da media das puntuacións concedidas por cada catador a cada unha das mostras, incluíndo neste cálculo tanto as referencias de viños brancos como de tintos. Finalmente, esta puntuación trasládase a unha táboa de correspondencias onde se obtén a cualificación de colleita.

Integrantes do panel de cata

Un total de seis persoas conformaron o equipo que examinou os viños: Luís Paadin, presidente da Asociación de Sumilleres Gallaecia e autor da Guía de viños, Destilados e Adegas de Galicia; Constantino Igrexas, presidente da Asociación Galega de Catadores; Maribel Gómez, da Asociación Galega de Enólogos; Mariña García, da Emoción dos Viños; e Fernando Cabero e Begoña Gómez, do Panel Oficial de cata do C.R.D.O. Monterrei.

Comparte...