Costa Rica, país invitado na 16ª edición de Xantar

Costa Rica, país invitado na 16ª edición de Xantar

O chef Luis Guillermo Castro será o encargado de achegar a cociña local aos visitantes

O Salón Internacional de Turismo Gastronómico que se celebrará en Expourense do 4 ao 8 de marzo, terá esta edición a Costa Rica como país invitado, que participa a través da colaboración da Cámara Costarriqueña de Restaurantes (CACORE) e do patrocinio de X-PINNER Water.

O país americano estará presente no evento, segundo a organización, “promovendo a súa gastronomía, turismo e produtos agroalimentarios”. Contará cun restaurante propio dentro do recinto que estará liderado polo cociñeiro Luis Guillermo Castro Pérez, natural daquel país e Xefe de cociña Instrutor Certificado pola Asociación Mundial de Xefes de cociña cunha ampla experiencia no sector.

Costa Rica únese así á lista de países invitados en Xantar reforzando o carácter internacional do salón e a súa vinculación con América Latina. Antes de Costa Rica, participaron como convidados Cuba, Perú, Francia, Arxentina, Portugal (e Illas Azores) e México.

Comparte...