Cristina Alcalá, nova xerente da Denomanción de Orixe Ribeiro

Cristina Alcalá, nova xerente da Denomanción de Orixe Ribeiro

A denominación galega máis vella aposta por unha profesional con máis de 18 anos de experiencia no mundo do viño

O pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro optou pola socióloga, enóloga, catadora e experta en comunicación Cristina Alcalá como a súa nova xerente, quen substitúe a  Roberto Goñi Petit.

Desde o organismo apuntan que na decisión pesaron a “experiencia e coñecemento do sector”, así como a súa “capacidade de liderado, comunicación e proactividade, a súa visión de futuro no deseño de estratexias, aptitude e empatía co sector produtivo e que dará prioridade aos procesos de calidade”.

O vínculo entre Cristina Alcalá e o viño galego, e en concreto o Ribeiro, é estreita desde hai numerosos anos, con capítulos como a súa participación en distintas edicións do Fórum Gastronómico, eventos organizados pola Universidade de Santiago, ou no Atlante Wine Forum, entre outras citas. Alcalá naceu en Vigo no 1969.

Actualmente, a presidencia do CRDO Ribeiro exércea, en funcións, Felicísimo Pereira.

Currículo de Cristina Alcalá

A nova xerente da D.O. Ribeiro é licenciada en Socioloxía e posgraduada en Técnicas de Investigación de Mercados pola Universidade Complutense de Madrid e realizou estudos Dirección de Recursos Humanos. É Master en Viticultura e Enoloxía pola Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Agrónomos da Universidade Politécnica de Madrid e Diplomada Catadora polo Instituto de Formación Empresarial da Cámara de Comercio de Madrid.

O seu labor profesional estivo centrado ata o momento na consultoría de márketing, estratexias de promoción, comunicación, posicionamento de marca, desenvolvemento e xestión de novos negocios. Tamén destacan as súas colaboracións en distintos medios de comunicación.

Comparte...