Cristina Pato e Wöyza, protagonistas do segundo concerto dos Xoves de Códax

Cristina Pato e Wöyza, protagonistas do segundo concerto dos Xoves de Códax

Cristina Pato Wöyza serán as protagonistas de segundo concerto de Os Xoves de Códax, no que se esperan grandes sorpresas. As entradas para esta segunda cita na terraza de Bodegas Martín Códax tamén se esgotaron en cuestión de horas o mesmo día que se puxeron á venda.

Nesta ocasión, os beneficios obtidos da venda de entradas destinaranse a Afasal (Asociación de familiares de enfermos de Alzheimer), entidade que se ocupa do tratamento integral das persoas con Alzheimer, así como de dar apoio, formación e información os seus familiares e coidadores.

Desde a adega, lembran que a entrada de menores de idade aos concertos está totalmente prohibida.

Sobre Cristina Pato e Wöyza

“O que pasa convén”. Con esta sentencia Cristina Pato resumía, nun documental, a filosofía coa que artellara non só a súa carreira, senón tamén o seu periplo vital. Cristina Pato é hoxe unha das artistas galegas máis internacionais, cun percorrido interdisciplinar cheo de éxito e moi ambicioso.

Nesta ocasión, a artista, sempre disposta a explorar novos territorios, únese a Wöyza, outra loitadora local con ganas de “pelexa”, para, xuntas, con vocación ecléctica, fundir nun crisol ritmos, melodías, harmonías e sensacións, máis alá de patróns preconcebidos. Con esta proposta que bebe do manantial da improvisación e da conexión persoal, Cristina e Wöyza adéntranse nun universo experimental onde o convencional non ten cabida.

Sobre Os Xoves de Códax:

Trátase dun ciclo de nove concertos dos artistas galegos mellor valorados, en fusión con artistas do panorama nacional e internacional, que permitirán descubrir os asistentes novas formas de sentir e vivir os viños de Bodegas Martín Códax. Estas tardes de música e viño terán lugar os xoves de xullo e agosto na terraza da adega a partir das 20.30 horas, cunha duración aproximada dunha hora.

A terraza-lounge de Bodegas Martín Códax encóntrase na colina de Burgáns, desde a cal se divisa o Val do Salnés así como a Ría de Arousa, tendo un enclave privilexiado para gozar das postas de sol do verán.

Comparte...