Cristino Álvarez, Premio de Honra da Denominación de Orixe Ribeiro

Cristino Álvarez, Premio de Honra da Denominación de Orixe Ribeiro

O mércores 29 de xuño o sector vitivinícola do Ribeiro e profesionais de toda España reuniranse no Mosteiro de San Clodio

A Denominación de Orixe Ribeiro celebrará o 29 de xuño a entrega dos Premios D.O. Ribeiro, que chegan á súa quinta edición, organizados polo seu Consello Regulador.

Nesa cita entregarase o Premio de Honra 2016 ao xornalista coruñés Cristino Álvarez, en recoñecemento á súa andaina profesional, na que axudou á divulgación dos viños do Ribeiro a través das súas crónicas. Sucederá deste xeito aos restaurantes e cociñeiros galegos con Estrela Michelín, premiados no 2015, e ao sumiller Josep Roca (El Celler de Can Roca), galardoado no 2014.

Tamén hanse coñecer o resto de gañadores nas distintas categorías, escollidos entre unha terna de finalistas. Estas categorías son: Premio “Mellor servizo de viño en restaurante”; Premio “Mellor tenda especializada – viñoteca”; Premio “Mellor taberna – bar de viños”; Premio “Mellor Viño Tinto”; Premio “Mellor Viño Branco Colleiteiro”; e Premio “Mellor Viño Branco Adega”. Existe tamén o galardón honorífico Premio “Mellor tarefa de comunicación”.

Perfil de Cristino Álvarez

Cristino Álvarez, Caius Apicius nas súas crónicas gastronómicas, é, posiblemente, o xornalista do sector máis lido das últimas décadas, grazas aos seus artigos distribuídos pola Axencia Efe a máis dun cento de medios.

Entrara na Axencia en 1974, pero apostou por cambiar as crónicas das cociñas políticas polas dos fogóns en 1981. Trala súa xubilación oficial, non parou e podemos seguir a gozar dos seus artigos.

Coruñés, non se considera crítico senón contador ou gastroarqueólogo. Claro e directo no estilo, estudioso e didáctico, xeneroso no trato… a súa orixe e o coñecemento que atesoura sobre os produtos galegos reflíctense en moitos dos seus escritos.

Cristino Álvarez mereceu numerosos recoñecementos e distincións ao longo da súa carreira, como o Nacional de Gastronomía, que recibiu en 1991. Tamén é membro das Academias Española e Galega de Gastronomía, e autor de máis dunha ducia de libros e infinidade de artigos en prensa.

vino-gallego-denominacion-ribeiro

Comparte...