As croquetas de Manso quédanse ás portas de ser as mellores do mundo en Madrid Fusión

As croquetas de Manso quédanse ás portas de ser as mellores do mundo en Madrid Fusión

Unha experiencia moi positiva: así define Alberto Lareo, chef do restaurante compostelán Manso, o seu paso por Madrid Fusión 2018. O cociñeiro chegou a este prestixioso evento como un dos 6 finalistas – o único galego – do ‘IV Campionato Internacional Joselito á Mellor Croqueta de Xamón do Mundo”, que se celebrou na tarde de onte. E aínda que finalmente non puido facerse co título, que recaeu en mans de Miguel Carretero do restaurante madrileño Santerra, Lareo asegurou sentirse “enormemente satisfeito”.

No certame gastronómico, un dos máis prestixiosos dos que se celebran durante o congreso madrileño, o chef de Manso tivo que mostrar ante o xurado a súa masa de bechamel elaborada con xamón Joselito, que posteriormente moldeou, rebozó e fritiu para presentar a cata.

Lareo tiña claro que facerse coa vitoria era “moi complicado, había moito nivel”, polo que a pesar de non poder traerse o título a casa afirmou sentirse “moi contento no persoal”. E é que a elaboración das súas croquetas saíu “perfecta en todos os sentidos”, polo que queda con “a experiencia de estar unha vez máis en Madrid Fusión, que xa de seu é un premio”, e con “a visibilidade” que lle outorga isto ao seu restaurante, no que nos últimos días “non pararon de saír croquetas”.

Comparte...