Culturgal 2014 dedica unha ollada especial á gastronomía galega

Culturgal 2014 dedica unha ollada especial á gastronomía galega

BenBo presentarase no mediodía do domingo no marco dun recital de poesía gastronómica.

Do cinco ao oito de decembro Pontevedra acollerá a Feira das Industrias Culturais Culturgal 2014, na que este ano a gastronomía terá un especial protagonismo con presentacións de libros, foros, ceas temáticas e a presentación da revista BenBo.

Será unha presentación fóra do común neste tipo de actos, xa que se producirá no marco dun recital de poesía gastronómica no que a actriz, contacontos e colaboradora de BenBo Soledad Felloza recitará textos de contido culinario de grandes poetas galegos de todos os tempos.

O recital e presentación de BenBo terá lugar o domingo sete de decembro entre a unha e media e as dúas da tarde.

Xa o venres a feira terá contidos gastronómicos coa presentación do libro “Nove e a nova cociña galega”, así como unha cea temática arredor da película “A Esmorga” recentemente estreada. Unha suxerencia de BenBo que a dirección da feira converteu nunha realidade, o mesmo que a suxerencia de subir a Pepe Solla aos escenarios para tocar e cantar e non para cociñar, de maneira que o cociñeiro de Poio dará un concerto, en compaña de Yago Carreño, na tarde do venres.

O sábado presentaranse os libros “O polbo e a súa cociña” de Matilde Felpeto, e “A cociñeira do rei” de Soledad Felloza. Tamén terá lugar unha cea temática con Benigno Campos, de Larpeiros.

Finalmente, o domingo terá lugar un foro sobre cervexas artesanais, con intervención Carlos González (La Atlántica Beer Shop, Santiago de Compostela), Alberte Fernández. (Adegas Menduíña, Cangas do Morrazo) e Alberto Gómez (Cervezas Keltius, Ourense), moderados por Manolo Gago e un debate sobre o futuro das festas gastronómicas galegas, coa participación da directora da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, o director do Instituto Galego do Viño, Xoán Cannas, e Arturo Fajardo, responsable de IN9Eventos, organizador dalgunhas festas gastronómicas, moderados por Jorge Guitián.

Comparte...