Novos cursos de cociña con Marián Rodríguez en Vilagarcía

Novos cursos de cociña con Marián Rodríguez en Vilagarcía

Despois do éxito da primeira edición das súas aulas gastronómicas, Marián Rodríguez volve ao Centro Comercial Arousa de Vilagarcía para Cociña de Verán, un novo programa de talleres gratuítos de cociña que terá lugar do 3 ao 31 de xullo e que ensinará os asistentes a elaborar pratos lixeiros, saudables e doados de preparar, orientados á época estival.

Os cursos desenvolveranse todos os mércores, de 20:30 a 21:30 horas, na segunda planta do centro comercial arousán.

Para apuntarse, hai que escribir ao correo electrónico de contacto ou ben chamar o 986 504 635 e apuntar en que sesión se está interesado.

Programa

Cociña de Verán comezará o 3 de xullo cunha xornada de creación de pinchos e tapas de verán como unha cacoliña  de ameixas á mariñeira, triángulos crocantes de presa ibérica e cereixa, mini hamburguesas de boi con tomate cherry e cebola caramelizada, e pincho de albóndega de pescada e marisco en salsa verde.

As ensaladas creativas centrarán a temática do segundo taller, que se levará a cabo o 10 de xullo, con propostas como ensalada de tataki de atún, de bacallau fresco e tomate, en pasta fío con mazá e touciño entrefebrado crocante ou temperado de queixo de cabra e noces acarameladas.

O 17 de xullo chegará a carne de Ternera Gallega, cunha sesión especial chea de receitas: timbal de carrilleiras de Ternera Gallega guisadas, pataca e verduras con DOP Arzúa-Ulloa; espeto de croca de Ternera Gallega, vieira, porro e crema suave de pataca; e hamburguesa ao punto de Ternera Gallega con queixo DOP San Simón da Costa e cebola acaramelada.

As froitas protagonizarán a clase do 24 de xullo. Entre as creacións: ensalada de carpaccio de melón con xamón crocante deshidratado, espeto de lagostino en tempura con sandía e gazpacho de melón, e segredo ibérico á prancha con mazá e salsa de framboesa.

A última sesión, do 31 de xullo, será para os entremeses e pratos fríos. Sinxeleza en propostas como gazpacho de sandía, barquetas de endivias con queixo, trigueiros e noces, timbal frío de polbo e pataca con salsa de pemento, e filloa fría rechea de polo ao curry con champiñóns.

Comparte...