Comeza o primeiro curso da Escola Galega de Apicultura

Comeza o primeiro curso da Escola Galega de Apicultura

A Asociación Galega de Apicultura inaugura a Escola Galega de Apicultura cun Curso Superior de Apicultura Comercial

Este novo Curso Superior, ten como obxectivo principal crear grupos para a produción e comercialización dos produtos das abellas

O cambio climático, as doenzas, as especies invasoras e os pesticidas fan necesaria a actualización e posta ó día dos coñecementos abelleiros e do manexo do apiario. Por iso,  AGA propuxo a creación da Escola Galega de Apicultura (EGA) para dar saída a estas necesidades formativas e de actualización de coñecementos.

A formación apícola ten que ser continuada, reciclada e adaptada ás novas necesidades das abellas, así como dos abelleiros e abelleiras.

Deste xeito, será a EGA, ubicada na vila de Allariz, onde terá lugar o Curso Superior de Apicultura Comercial, dirixido a apicultores e apicultoras que queren incrementar os ingresos por esta actividade, así como formar e reciclar a técnicos e a comercializadores de produtos abelleiros.

Será un curso moi completo, de 36 hoas de duración, coa participación de vinte e seis relatores con recoñecida experiencia no sector, que falarán sobre produción e comercialización de mel ecolóxico, pole, Mel de Galicia, meles crema e outros temas como a lexislación, as axudas ou as boas prácticas apícolas.

Ademais da actividade na escola, a Asociación Galega de Apicultura pon en marcha na primavera un amplo programa de formación apícola, que inclúe xornadas e cursos por toda a xeografía galega.

O programa

Está estruturado en tres grandes bloques: cursos básicos, de especialización e formación das delegacións comarcais.

Os cursos básicos seguirán o mesmo modelo que anos anteriores, con teoría e prácticas en colmeas, e terán lugar en fin de semana en diferentes lugares de Galicia.

Os cursos de especialización, ademais do Curso de Apicultura Comercial en Allariz, serán:

  • Curso de Apicultura de Lecer e Autoconsumo na Casa das Abellas en Abegondo
  • Cursos de Reprodución e Cría de Raíñas en Abella Meiga en Outeiro de Rei
  • Apilarouco en Cualedro

Sen olvidar un programa de actividades divulgativas sobre o oso e a apicultura no Courel, a través dun convenio de colaboración asinado coa Fundación Oso Pardo.

Por último, as delegacións comarcais de AGA contan cunha ampla oferta formativa, con cursos que teñen o obxectivo de cubrir as necesidades formativas específicas de cada zona, dende cursos de iniciación, xornadas prácticas sobre reprodución do apiario ou do uso do própole.

O programa completo dos cursos e información sobre as inscricións na web www.apiculturagalega.es, neste email ou no teléfono 981 508 142.

Comparte...