A D.O. Monterrei celebra hoxe unha gala para conmemorar os seus 25 anos

A D.O. Monterrei celebra hoxe unha gala para conmemorar os seus 25 anos

A D.O. Monterrei celebra este venres unha gran gala no Castelo de Monterrei para celebrar os 25 anos de traxectoria do seu Consello Regulador. O acto estará presentado pola lucense Silvia Jato e pretende  render homenaxe ós adegueiros, viticultores e profesionais do sector así como a aqueles que fixeron posible o traballo da D.O.

O evento pretende servir para recompilar o traballo levado a cabo pola D.O. nestes anos e abordar o seu futuro. A D.O. Monterrei foi a última das denominacións de orixe galegas en ser creadas, pero na actualidade xa suma un total de 26 adegas, 426 viticultores e máis de 500 hectáreas.

Así, o Consello Regulador quere realizar nesta gala unha homenaxe a tres persoas fundamentais no proceso do sector vitivinícola de Monterrei: un viticultor, un adegueiro e un catador. As tres forman parte dun circulo indispensable e representan a realidade do sector, compartindo a súa aposta por poñer en valor o viño de Monterrei.

O Parador Castelo de Monterrei acollerá así a partir das 21.30h da noite deste venres unha xornada de celebración na que tamén está prevista a participación de Ángeles Vázquez, conselleira do Medio Rural; Belén Do Campo, directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Alimentarias e alcaldes dos concellos da zona.

Comparte...