A D.O. Valdeorras promociónase nas principais cidades galegas

A D.O. Valdeorras promociónase nas principais cidades galegas

Un saber facer único. Ese é o slogan da nova campaña promocional da D.O. Valdeorras, que se activirá nas principais cidades galegas e que busca poñer en valor o bo facer dos profesionais da súa denominación. Proba deste bo facer é, precisamente, a excelencia dos seus caldos tintos e brancos, que se sitúan como os terceiros mellor valorados de España pola Guía Peñín. Os viños xoves da D.O. Valdeorras son, ademais, os primeiros do ránking desta publicación especializada.

A imaxe da campaña é unha ilustración de tinguidura fantástica vinculada ao mundo do viño, na que se pode ver un abridor do que, na parte inferior, nacen follas de vide. “Un obxecto único como único é o saber facer de Valdeorras“, en palabras do encargado da idea creativa da campaña, Jorge Isla.

O cartel poderá verse durante todo un mes, ata o próximo 21 de decembro, nas traseiras e os laterais dos autobuses urbanos da Coruña, Vigo, Santiago, Ferrol, Pontevedra, Lugo e Ourense. En Vigo estará presente en tres liñas de autobús diferentes; en Ferrol, nunha; e no resto de cidades en dúas. A imaxe ocupará tamén o valo publicitario que se sitúa fronte ás instalacións do Consello Regulador desta denominación; e durante durante dous meses retransmitirase, ademais, un vídeo promocional dos viños Valdeorras nas pantallas situadas no centro de Santiago de Compostela.

A D.O. Valdeorras celebra o próximo ano o seu 60 aniversario. Con esta renovación de imaxe pretende chamar a atención dos seus grupos de intereses e situarse como unha organización en evolución, pero que non renuncia aos seus valores fundacionais nin ao seu saber facer.

Comparte...