Medallas para Godeval, Altos de Torona e as denominacións de orixe galegas

Medallas para Godeval, Altos de Torona e as denominacións de orixe galegas

Un total de 94 viños da D.O. Ribeiro resultaron distinguidos pola Guía de Viños, Destilados e Adegas de Galicia 2016, do sumiller, docente e catador Luís Paadín. Por outra banda, 47 viños da D.O. Monterrei tamén levaron unha medalla

Dentro das distincións para a D.O. Valdeorras, destacan as Gran Ouro para Godeval 2014 e Godeval Reviva 2014, e Ouro para Godeval Cepas Vellas 2014. Ademais, na D.O. Rías Baixas, sobresaen con medalla de Ouro Altos de Torona Brut Nature 2014, Altos de Torona Barrica 2013, Altos de Torona 2014, Altos de Torona Rosal 2013, e Prata para Altos de Torona Godello 2014.

A presentación da guía, cunha tirada de 2.000 exemplares, realizouse o pasado martes, día 16, no Centro Comarcal do Ribeiro, en Ribadavia, da man do autor da publicación; do vicepresidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Felicísimo Pereira, e a máxima responsable da D.O. Monterrei, Asunción Rodríguez.

Dos viños da D.O. Ribeiro, 16 conseguiron medalla de Gran Ouro, 42 medalla de Ouro e 36 foron distinguidos con medalla de Prata. Dentro da D.O. Monterrei, o 70% dos viños distinguidos foron recoñecidos coa medalla de Gran Ouro ou Ouro.

Pola súa banda, Luís Paadín indicou que “as catas sempre foron cegas”. Comezaron no mes de maio e terminaron en outubro. Ademais, realizáronse 28 sesións de cata e constituíronse 33 paneis de catadores. O sumiller destacou que “aos catadores só se lles informa da D.O. e a anada, descoñecen a marca, o prezo e a forma de elaboración do viño”.

Edición da Guía

A presidenta da D.O Monterrei, Asunción Rodríguez, puxo en valor a “independencia da guía” promovida por Paadín, xa que “non admite publicidade nin das adegas nin das súas marcas”. Neste sentido, sinalou que é o cuarto ano consecutivo que esta publicación se edita polo sistema do micromecenazgo. “Nesta edición a guía bateu récords de mecenas, con 233”, destacou.

Comparte...