As cinco DO vinícolas de Galicia, na feira Fenavin

As cinco DO vinícolas de Galicia, na feira Fenavin

As cinco denominacións de orixe vinícolas galegas –Rías Baixas, Valdeorras, Monterrei, Ribeiro e Ribeira Sacra-, xunto coa de Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, están presentes na Feira Nacional do Viño – Fenavin, que ten lugar estes días en Ciudad Real e que contan co apoio da Consellería do Medio Rural para a promoción e difusión dos seus produtos.

A propia conselleira Ángeles Vázquez desprazouse ata a cidade manchega para apoiar coa súa presenza aos consellos reguladores a ás bodegas participantes, que este ano superan as 60 entidades localizadas en dous stands contiguos. A titular de Medio Rural destacou que este tipo de certames son o instrumento perfecto para dar a coñecer a calidade dos viños galegos a nivel internacional, xa que Fenavin caracterízase por ser un certame especializado no negocio exterior con máis de 60 países participantes.

O peso deste certame está patentado, xa que só con oito edicións celebradas conseguiu converterse na feira monográfica do viño máis importante de España, sendo a única que ofrece unha capacidade de negocio contrastada. Nas últimas edicións participaron máis dun millar de bodegas procedentes de todo o territorio nacional, estando presentes todas as denominacións de orixe de España.

A titular de Medio Rural, que estivo acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, subliñou que precisamente a produción comercializada no mercado exterior creceu de forma espectacular, cun incremento na última campaña 2015/2016 dun 69% respecto á de 2010/2011. Ángeles Vázquez agradeceu o traballo constante dos preto de 16.000 viticultores e 450 adegas que, xunto cos consellos reguladores, foron quen de abrir mercados e situar aos viños galegos entre os mellores do mundo.

Aproveitando a súa presenza en Fenavin, a conselleira participou na presentación da Guía de vinos, destilados y bodegas de Galicia 2017, elaborada polo sumiller galego Luis Paadín.

Esta guía acaba de ser recoñecida como un dos 10 mellores libros de viños de todo o mundo, a xuízo do xurado internacional dos Gourmand Book Awards. Trátase do único libro en español que este ano recibiu o galardón entre máis de 10.000 libros de 211 países.

Comparte...