Dúas alumnas do CSHG, gañadoras da primeira edición do concurso de cociña con Quescrem

Dúas alumnas do CSHG, gañadoras da primeira edición do concurso de cociña con Quescrem

Tatiana Gerpe García e Noelia Fernández Rey do CSHG convertéronse nas gañadoras do primeiro concurso de Cociña con Quescrem. No certame, que tivo lugar na escola de hostalería de Lamas de Abade (Santiago), participaron nove escolas de hostalería de toda Galicia facendo uso do seu enxeño, coñecementos e creatividade.

O concurso consistía en elaborar con queixo crema Quescrem un entrante, un prato principal e unha sobremesa. As parellas das escolas de hostalería deron renda solta á súa imaxinación utilizando técnicas e materias primas nas súas elaboracións que achegaron personalidade a cada prato.

Competindo con mousses de Sopapo do Casar, esponxas de queixo de algas e plancto, hojaldre de mascarpone, ou xeado de rulo de cabra. Tatiana Gerpe García e Noelia alzáronse co premio grazas ao deseño e elaboración dun menú composto por “Xurelo afumado con pingas de mar”, “Terrina de cordeiro con puré de castañas” e “Tiramisú deconstruido”.

As alumnas do CSHG foron galardoadas ao final da xornada cun dobre premio: a posibilidade de realizar prácticas nun restaurante do Grupo Nove e un cheque valorado en 1500 €. Así mesmo, a escola CSHG recibiu un cheque de 1000 € e produtos Quescrem para todo un ano. O xurado composto por Pepe Solla, Héctor López, Begoña Martínez, Miguel Vila, director da revista Benbo e Sergio Martínez, tívoo moi difícil debido ao nivel dos pratos.

Comparte...