Máis de dous millóns de euros en axudas para cinco denominacións de orixe

Máis de dous millóns de euros en axudas para cinco denominacións de orixe

Os representantes dos consellos reguladores reuníronse coa conselleira do Medio Rural co obxectivo de simplificar os trámites administrativos

A Consellería do Medio Rural busca reforzar a relación que mentén coas cinco denominacións de orixe de viño galegas, polo que conselleira mantivo un encontro cos responsables dos consellos reguladores para escoitar de primeira man as súas necesidades e convertelos en interlocutores directos da Xunta.

As 5 denominacións de orixe son: D.O Rías Baixas, D.O Ribeiro, D.O Ribeira Sacra, D.O Monterrei e D.O Valdeorras.

O obxectivo é manter unha comunicación fluída cun sector tan importante para a comunidade como é o do viño, que só a través da vendima move máis de 209 millóns de euros, cifras que se multiplican tras o paso da uva pola industria.

Entre as demandas que trasladaron os portavoces está a dunha simplificación administrativa para todos os procesos que implican ao sector. A conselleira comprometeuse a traballar por este obxectivo e a facelo da man dos consellos reguladores para facilitar o seu traballo diario e favorecer a boa marcha deste ámbito.

Ademais, tamén se pretende a modificación de certos regulamentos que afectan aos viticultores e adegas galegos á hora de recibir axudas, como pode ser o sistema de autorizacións de plantacións de viñedo.

Axudas 2017

Na reunión tamén se avaliou o apoio da Xunta a estes consellos reguladores. Ao longo de 2017 os cinco órganos de xestión das DO vitivinícolas recibiron máis de dous millóns de euros en distintos conceptos de axuda para promocionar os seus produtos e asegurar un control sobre eles.

Estas achegas son facilitadas pola consellería en concepto de asistencia e organización de feiras, ademais doutro tipo de promocións, por estudos que levan a cabo estes órganos para mellorar as producións e polos programas de control sobre os mesmos.

Tamén hai partidas para facilitar o funcionamento dos propios consellos reguladores, que son os órganos que xestionan de forma autónoma cada unha destas marcas de calidade, baixo a supervisión da Xunta.

Comparte...