Doce éxito para a  Festa  do  Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide

Doce éxito para a Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide

Aínda que o sol luciu só a intres, Melide brillou este fin de semana no seu fin de semana máis doce. Os  melindres, ricos e amendoados foron os absolutos protagonistas durante dúas xornadas onde 12 embaixadores, sumados aos pregoeiros deste ano, os cociñeiros xemelgos Torres, se empregaron a fondo por sumar esforzos á posta en valor da tradición reposteira de Melide.

A festa daba os seus primeiros pasos o sábado, xa á primeira hora da mañá, cos chefs no Camiño de Santiago percorrendo o tramo que finaliza na vila coruñesa acompañados por un nutrido grupo de  blogueiros e a recoñecida instagramer “ The foodie searcher”. A comitiva visitou os postos de produtos artesanais da feira situada nos arredores á Praza do Convento, entre o balbordo de autógrafos e fotos cos coñecidos irmáns do programa de TVE Torres en la Cocina. Dentro do apertado programa do sábado, incluíase unha visita a un obradoiro tradicional, de obrigado cumprimento en Melide, onde tiveron a oportunidade de falar cunha das herdeiras da tradición reposteira, que xa gardaba celosamente a súa bisavoa hai máis de 100 anos.

Para pechar a mañá, o grupo visitou unha explotación gandeira, acompañados nesta ocasión pola Conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez  Mejuto, onde os propietarios deron boa conta da calidade do produto da zona e o celo co que se gardan as tradicións na zona.

A gran cita do día era o  showcooking, que se celebrou na Vinoteca Ribeirao. Un espazo que outrora acollía unha ferraxería e que hoxe en día, tras a súa rehabilitación, destaca pola súa decoración e a equilibrada mestura entre historia e toques contemporáneos. Esgotáronse entradas para ver como os chefs  Sergio e Javier poñían o seu “toque Torres” ás receitas baseadas en materia prima da comarca e como non podía ser doutra maneira, os produtos da zona. Contaron coa axuda de Miguel Ángel Liboreiro do Restaurante O Tobo do Lobo, como anfitrión local. Os pratos que traballaron aos fogóns foron: torta de queixo Arzúa-Ulloa,  melindres e arandos; callada de foie con amendoados e licor de herbas e cocapizza de carbón activo con tomate, lacón e Arzúa-Ulloa.

Amencía chuvioso o domingo, pero coa tensión dos minutos previos ao día grande da  Festa do Melindre e da Repostería Tradicional da Terra de Melide. Un día que prometía moita afluencia de visitantes e que efectivamente conseguiu encher as rúas da zona vella. Autoridades, anteriores embaixadores e alcaldes da comarca completaron o aforamento do acto institucional previo ao pregón. Cuns minutos de atraso saudaba Cristina  Maró, encargada de conducir o acto, ao público congregado para saudar aos novos representantes da edición 2018. Eles e elas, personalidades e profesionais de diferentes ámbitos, recibiron unha distinción polo seu traballo promocionando os melindres, ricos e almendrados, ou polo seu compromiso futuro con estas elaboracións. Os chefs no seu discurso mesmo se animaron a agradecer o agarimo do pobo en galego e destacaron a importancia dos doces tradicionais para a historia culinaria da comunidade, e por extensión, de España.

Ademais dos Hermanos Torres, este ano comprometéronse con Melide o actor da serie Fariña Monti Castiñeiras; a  instagramer The Foodie Searcher; o adestrador do Obradoiro CAB Moncho Fernández; o chef Quique Rodríguez, o director de Comunicación e Relacións Institucionais de El Corte Inglés Galicia  Pati Blanco; o director da Orquestra de Cámara de Galicia Rogelio Groba; o director do CIFP Compostela Ramiro Esparís; a Asociación Deportiva Cerne, o Conselleiro de Cultura; Educación e Ordenación Universitaria Román Rodríguez; a Directora Xeral de Comercio e Consumo Sol María Vázquez; a Xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia,  Elena Fabeiro e o Presidente do Parlamento Galego, Miguel Ángel Santalices.

Foto grupal

Un cartel de peso para unha cita de moito peso na nosa axenda gastronómica, que veñen reforzar o traballo do concello da vila que vén apostando forte por un dos seus acenos de identidade máis tradicionais como elemento crave de promoción turística.

A entrega das insignias aos embaixadores foi o broche de ouro para dous días intensos tamén animados por música para todas as idades, que nin esta irregular primavera nosa conseguiu embazar. Cun bo sabor de boca, bos resultados de vendas das elaboracións exaltadas e moitas fotos e autógrafos en mans de veciños e visitantes, Melide puxo fin a un sábado e un domingo redondos, como os seus  melindres.

Comparte...