Eduardo Bravo, Alter e Joaquin Vázquez, recoñecidos como os mellores viños de 2018 nos Premios do Ribeiro

Eduardo Bravo, Alter e Joaquin Vázquez, recoñecidos como os mellores viños de 2018 nos Premios do Ribeiro

Eduardo Bravo álzase co premio ao mellor viño branco de colleiteiro, Alter co mellor veu branco de adega e Joaquin Vázquez, mellor viño tinto nos Premios da Denominación de Orixe Ribeiro 2018 que se entregaron onte nunha gala celebrada no Mosteiro de San Clodio.

O presidente do Consello Regulador, Juan Casares fixo un chamamento ao sector do viño do Ribeiro para traballar xuntos “hoxe, mañá e sempre”· en prol da denominación de orixe máis antiga de Galicia. Entre os máis de asistentes estiveron presentes autoridades como o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, a conselleira de Medio Rural, Ánxeles Vázquez, os directores xerais de Gandaría, Belén Docampo, de Desenvolvemento Rural, Miguel A. Pérez, ou o director de Agacal, Manuel Rodríguez, entre outros. Tampouco faltou unha importante representación política da comarca así como profesionais chegados de toda España, como almacenistas e xornalistas especializados.

A xornalista Marga Pazos foi a encargada de conducir unha cerimonia na que se fixo fincapé na relevancia do sector do viño na comarca e no espazo que ao longo dos anos alcanzou o viño do Ribeiro no mercado nacional e internacional grazas ao traballo levado adiante polo conxunto do sector, conseguindo situar no lugar que actualmente ocupan os viños da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia.

Recoñecementos a viños e figuras
Durante a gala déronse a coñecer, ademais, os galardóns aos mellores viños do D.O. Ribeiro, designados por un panel de cata de expertos, que onte mesmo participou na cata final con mostras recollidas en mercado, seis de cada categoría. O mellor viño branco de adega recaeu en Alter de Priorado de Razamonde; o mellor viño branco de colleiteiro foi para Eduardo Bravo; e o mellor viño tinto é Joaquin Vázquez 2017, de Joaquin Vázquez Martinez. Foron finalistas na categoría de branco de adega Señorío da Vila, Beade Primacía, Antonio Montero Autor, Divino Rei e Terra do Castelo Treixadura. Na categoría de branco de colleiteiro chegaron á final Canción de Elisa, Cuñas Davia A Xiada, Lagar de Meréns, Eduardo Pena e Manuel Rojo. E por último, en canto aos tintos The Flower and the Bee Sousón 2016, Mónica Albor Mencía 2017, Viña do Campo Mencía 2017, Son de Arrieiro 2016, Priorato de Razamonde 2017, foron os finalistas.

Ademais tamén se entregaron os premios honoríficos que recoñecen a traxectoria de distintos profesionais. César Lumbreras, responsable de Agropopular na Cadea COPE, recolleu o premio “Persoeiro de Honra”; o xornalista Víctor da Serna recibiu o galardón que recoñece a “Mellor Tarefa de Comunicación”, Sonia Prince de Galimberti fixo o propio co premio “Muller e viño”, en nome da Asociación de Mulleres Amantes do Viño – AMAVI e o presidente de honra de Viña Costeira, Manuel García Montero, recibiu o de “Vida entre Vides”.

Ademais, na cerimonia recoñeceuse aos profesionais e establecementos galegos que procuran a excelencia. En “Mellor Servizo de Viño en Restaurante” destacouse a Bacelo Taberna Vinaria, de Ourense; o Premio “Mellor Tenda Especializada- Vinoteca foi parar a Tenda de Lino na Coruña; e o galardón á “Mellor Taberna-Bar de Viños” recaeu no Tamarindo, tamén situado na cidade das Burgas. Os finalistas na categoría de “Mellor Servizo de Viño en Restaurante” foron La casa de las 5 puertas (Pontevedra) e Paprica (Lugo), xunto co gañador, o Bacelo; no caso da Mellor Tenda Especializada – Vinoteca, os finalistas foron Juncal Alimentación (Pontevedra) e o Lagar (Burela), que compartiron final coa Tenda de Lino (A Coruña) e, finalmente, na categoría de Mellor Taberna-Bar de Viños, compartiron final co Tamarindo, ArteSana (Santiago) e Baraciña (Vigo).

Unha gala con protagonistas ourensáns
Esta edición da Gala de entrega dos Premios do Ribeiro tamén fixo unha chiscadela ao mundo artístico ourensán que correu a conta do artista urbano ourensán, Mon Devane, quen fixo en directo unha das súas obras plásticas empregando as técnicas do grafiti e co seu particular estilo fotorrealista, e da man do pianista e compositor carballinés Alfonso Medela Jazz, que estivo a cargo da animación musical.

Comparte...