El Corte Inglés e Coren, da man para ofrecer ovos de corral

El Corte Inglés e Coren, da man para ofrecer ovos de corral

Todos os ovos que se sirvan nos restaurantes da cadea El Corte Inglés procederán, dende agora, de galiñas criadas exclusivamente de maneira tradicional, con saídas libres ao campo e alimentadas a base de millo. Este é  o acordo que alcanzaron dende os grandes almacéns coa cooperativa galega Coren, líder nacional na produción de ovos de curral e primeira empresa en certificarse co distintivo Galicia Calidade, que avala aos mellores servizos e produtos da comunidade.

El Corte Inglés, que o ano pasado utilizou nas súas 83 cafeterías, 41 restaurantes e 17 Rincones del Café máis de 2,5 millóns de ovos, quere ampliar así o compromiso cos seus clientes e ofrecer os mellores produtos en todos os seus establecementos. Entre as receitas que se elaborarán con estes ovos de alta calidade figuran o famoso sándwich Corty, a fórmula chef de peituga Villaroy, os ovos de curral con foie ou xamón ibérico, a ensalada César con ovo poché e os almorzos especiais.

Na presentación do acordo estiveron presentes o director de compras de hostalería de El Corte Inglés, Javier Cerro; a directora comercial de Huevos y Ovoproductos de Coren, Cristina Guardiola; e o director de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro; ademais do prestixioso chef galego Pepe Solla coma invitado de luxo.

Durante a súa intervención o recoñecido cociñeiro, que conta cunha estrela Michelin e 3 Soles Repsol no seu haber, explicou que os ovos de curral Coren foron elixidos coma os mellores en dúas catas á cegas que realizou no seu restaurante. Con motivo do acordo entre El Corte Inglés e a cooperativa galega, o chef elaborou unha receita especial con ovos, picado de carne de tenreira adobada e pataca, que poderá degustarse nos restaurantes dos grandes almacéns durante 15 días.

Comparte...