O Galician Gourmet Extravaganza incluirá en Londres un concurso de viños e destilados

O Galician Gourmet Extravaganza incluirá en Londres un concurso de viños e destilados

Viños e destilados galegos optarán a alzarse co Award of Excellence, o premio que un panel de cata entregará durante a celebración da primeira das xornadas que compoñen o Galician Gourmet Extravaganza, o tour que levará á gastronomía galega por algunhas das principais capitais mundiais da man de medio centenar de produtores e restauradores. A primeira destas xornadas terá lugar o 16 de outubro, data na que tamén se celebrará o concurso, bautizado como Extravaganza Wine Tasting e que está chamado a ser un dos pratos fortes da xornada.

A cata, que será cega (botella pechada), valorará a excelencia de cinco viños e destilados de cada denominación de orixe galega e xa cualificados como Gran Ouro pola Guía de Viños e Destilados de Galicia 2016. A valoración dos partipantes correrá a cargo dun xurado composto por 30 catadores profesionais dirixidos polo catador Luís Paadín e elixidos ex profeso para a ocasión por Paadín, e o seu homólogo do hotel Melia White House, sede do evento. A selección de viños e destilados por denominación de orixe tamén é responsabilidade da organización galega, que confía en dispor dun corenta en total.

A xira mundial, a medio camiño entre misión comercial e cultural, permitirá aos londinienses achegarse á gastronomía, os viños e os destilados galegos durante a feira-exhibición, de entrada gratuíta e aberta ao público en xeral até o 18 de outubro.

A internacionalización dos produtos gourmet autóctonos é o principal obxectivo do Galician Gourmet Extravaganza, o tour que, con primeira parada en Londres do 15 ao 18 de outubro, conseguiu axuntar a máis de medio centenar de artesáns de toda Galicia; artesáns responsables de produtos gourmet que van desde a auga de mar embotellada ao mel, pasando por queixos, algas, fabas, carne ou viño.

Comparte...