O II Festival do Viño da Ribeira Sacra uniu este fin de semana o viño, a música e a gastronomía

O II Festival do Viño da Ribeira Sacra uniu este fin de semana o viño, a música e a gastronomía

Un total de 25 adegas participaron na II edición do Festival  do Viño da Ribeira Sacra que tivo lugar este fin de semana en Monforte de Lemos. As actividades ao redor da promoción do viño da D.O. Ribeira Sacra mesturáronse coa música e a gastronomía durante as xornadas do venres e do sábado.

Así, o venres tivo lugar a inauguración do evento no que participaron representantes do Consello Regulador, adegueiros e membros das institucións públicas. O  presidente do Consello Regulador convidaba a gozar da festa xa que para el, a botella de viño nunha mesa é a gran vendedora dun territorio.

Ademais, ese mesmo día tivo lugar a cata final da  XXIV Cata dos Viños de Ribeira Sacra. En total no concurso participaron un total de 63 mostras en 4 categorías diferentes (37 en viños tintos, 13 en brancos e 13 na categoría doutras anadas). Así, o primeiro premio na categoría de Viños tintos foi para  Lagar  do  Vento  Peizas, da adega Roberto Regal. En viños brancos o máis laureado foi  Viña  Garoña de Adegas e Viñedos Viña Garoña e noutras anadas foi premiado Don Bernardino, 4ª Generación Mencía Barrica 2015 da adega Don Bernardino.

A xornada do sábado incluíu tamén actividades ao redor do viño. Así, realizouse promoción das rutas do viño, cunha ruta turística polo río Miño con visita a adegas ademais dunha saída que incluíu sendeirismo pola beira do Sil, con tren e visita a adegas.  Ademais, para aqueles que preferiron quedar a degustar os viños da D.O., nas casetas houbo diferentes talleres para adultos e nenos que  maridaron á perfección cos viños da Ribeira Sacra.

 

Comparte...