Intenso fin de semana de Enoturismo en Cambados, coas IV Xornadas de Degustación e Maridaxe das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia

Intenso fin de semana de Enoturismo en Cambados, coas IV Xornadas de Degustación e Maridaxe das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia

Entre as actividades gratuítas haberá catas comentadas, showcookings, coctelería e mostra de produtos do Consello Regulador dos Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia

O Consello Regulador dos Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia e o Concello de Cambados suman forzas con motivo das IV Xornadas de Degustación e Maridaxe dos Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.

Todas as actividades celebraranse no Salón de Exposicións José Peña de Cambados, o sábado 5 e o domingo 6 de novembro. Serán de balde e con aforamento limitado. Para reservas, hai que chamar ao teléfono 986 520 786 ou informarse no correo turismo@cambados.es 

As actividades comezarán o sábado 5 de novembro ás 17.00 horas coa celebración dun obradoiro de cata dirixido pola integrante do panel de cata e enóloga, Sonia Otero, e no que participará o barista Marcos González. Haberá sorteos para os participantes.

Ás 18.00 horas, ofrecerase un Taller de cociña e coctelería de Augardentes e Licores Tradicionais con Tenreira Galega e outros produtos con indicativo de calidade. Nesta iniciativa, coordinada por Luís Vázquez, director de Promoción e Relacións Externas de Tenreira Galega, contará co cociñeiro de Hotel Eurostars A Toja Francisco Castro, e do barman e xefe de sala do restaurante compostelán A Horta do Obradoiro, Ángel Camiña.

Ofreceranse un total de tres pratos con Tenreira Galega, e entre ingredientes estarán outros produtos con Indicación Xeográfica coma Queixo de Tetilla, Mel de Galicia, Pan de Cea e Castaña de Galicia. Paralelamente, Camiña elaborará cócteles cos Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia que maridarán coas propostas culinarias presentadas por Castro e explicadas por Luís Vázquez.

O domingo 7 de novembro as actividades contarán cun novo show de cociña, que comezará ás 12.00 horas. Nesta ocasión, participarán o chef do Casino A Toja, Mark Wernink, Francisco Castro, e Ángel Camiña. Ofreceranse un total de 4 pratos, e entre os ingredientes estarán os produtos amparados polas Indicacións Xeográficas das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia, que maridarán con outros tantos cócteles creados polo barman.

Durante as Xornadas de Degustación e Maridaxe haberá un Túnel das Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia.

Colaboran nestas xornadas os Consellos Reguladores de Tenreira Galega, Mel de Galicia, Queixo de Tetilla, Castaña de Galicia e Pan de Cea, ademais dos alumnos do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra e do Obradoiro de Emprego Hostalería do Salnés VII.

Comparte...