“Enoturismo Galicia”, nova marca para as Rutas do Viño Ribeiro, Ribeira Sacra, Monterrei e Rías Baixas

“Enoturismo Galicia”, nova marca para as Rutas do Viño Ribeiro, Ribeira Sacra, Monterrei e Rías Baixas

As Rutas do Viño do Ribeiro, Ribeira Sacra, Rías Baixas e Monterrei únense na marca “Enoturismo Galicia”

O sistema de marcas referidas á gastronomía e ao turismo galego conta cunha nova incorporación: “Enoturismo Galicia?, impulsada desde o Clúster Turismo de Galicia.

O obxectivo desta iniciativa quere fomentar o traballo e unha estratexia conxunto entre as catro rutas do viño galegas, correspondentes ás denominacións Ribeiro, Ribeira Sacra, Monterrei e Rías Baixas, sen renunciar ao seu patrimonio e singularidade individual. Queda fóra a Ruta do Viño de Valdeorras.

En palabras do secretario do Clúster de Turismo, Cesáreo Pardal: “Enoturismo Galicia nace co obxecto de adoptar unha estratexia común por parte das Rutas do Viño que permitan dar a coñecer o patrimonio vitivinícola do territorio, promocionando de forma conxunta o enoturismo e a enogastronomía”.

A presentación desta marca Enoturismo Galicia celebrouse cun evento no Mercado de Abastos de Santiago, cunha cata maridaxe de viños galegos a cargo do enólogo Nacho Costoya e os petiscos elaborados por Kike Piñeiro e Eloy Cancela, da Horta do Obradoiro.

Ata o 30 de outubro é posible gañar, entre outros premios, un paquete Outono Gastronómico, subindo fotografías de experiencias gozando dos viños destas rutas coas etiquetas #sorprendeatussentidos #enoturismogalicia ás redes sociais Twitter, Facebook e Instagram. O paquete consta de menú, almorzo e aloxamento para dúas persoas.

Comparte...