O enoturismo de Galicia amosa a súa riqueza en Madrid

O enoturismo de Galicia amosa a súa riqueza en Madrid

O Clúster Turismo de Galicia artellou un acto promocional das cinco rutas do viño galegas

A marca EnoTurismo Galicia presentou a oferta enogastronómica das cinco rutas do viño galegas cun workshop que se desenvolveu este luns 28 en Madrid, organizado polo Clúster Turismo de Galicia, co apoio da Xunta de Galicia – Axencia de Turismo de Galicia.

En concreto, acudiron 25 empresas galegas: nove, procedentes da Ruta do Viño Rías Baixas; seis, da Ruta do Viño Ribeiro; tres, da Ruta do viño Ribeira Sacra; unha, da Ruta do Viño Monterrei; e cinco da Ruta do Viño Valdeorras.

Ao evento achegáronse uns 200 profesionais representando a axencias de viaxe; empresas organizadoras de congresos e eventos; asociacións sectoriais; prensa; e distintas firmas dos sectores DMC e MICE.

O actor galego Sergio Pazos foi o encargado de guiar o acto de presentación, que contou con música en directo.

Información sobre EnoTurismo Galicia

O club de produto Enoturismo Galicia nace en 2016 co ánimo de agrupares baixo o mesmo paraugas a rica oferta enogastronómica coa que conta Galicia, contribuíndo a mellorar a súa comercialización e cooperando coas entidades socias do Clúster, as cinco rutas do viño de Galicia, na promoción destes produtos turísticos.

Cinco son as rutas existentes en Galicia, todas elas asociadas no Clúster Turismo de Galicia como entidade privada aglutinadora do 95% da oferta turística do territorio galego. Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra, Monterrei e Valdeorras conforman os cinco territorios nos que se pode atopar unha oferta adaptada para todo tipo de públicos, idades e intereses.

A posta en marcha da marca conxunta Enoturismo Galicia naceu co obxecto de xuntar esforzos, gañar prestixio e capacidade para acceder a novos mercados, remando todos na mesma dirección: Galicia.

A enogastronomía é un dos puntos fortes do turismo en Galicia e a segunda motivación pola que os turistas se deciden a visitala.

Esta fortaleza é un elemento que vertebra o sector e debe asociarse a produtos especializados e de calidade, entre os que o enoturismo é un dos que está a medrar máis. Nel, Galicia conta cunha materia prima impresionante para estar entre os primeiros destinos do estado para gozar da natureza e o enoturismo.

Nestes anos avanzouse na creación e consolidación da marca e con accións como o workshop o que se procura é avanzar na mellora da comercialización, fomentando a paquetización da oferta enoturística e traballando conxuntamente na xeración de fluxos e a súa comercialización.

Comparte...