Actividades da Ruta do Viño Rías Baixas, co gallo do Día Europeo do Enoturismo

Actividades da Ruta do Viño Rías Baixas, co gallo do Día Europeo do Enoturismo

A Ruta do Viño Rías Baixas celebra este fin de semana o Día Europeo do Enoturismo cunha programación moi cargada de actividades enolóxicas

O sábado comezarán as actividades organizadas pola Ruta do Viño Rías Baixas con motivo do Día Europeo do Enoturismo cunha xornada accesible dedicada a unha trintena de usuarios da Fundación Down Compostela, que visitarán dous establecementos asociados á Ruta do Viño Rías Baixas.

A primeira parada será no municipio de Portas, onde percorrerán os viñedos, ás 11.00 horas, e as instalacións, 12.00 horas,  dunha adega socia para coñecer de primeira man a elaboración dos viños da Denominación de Orixe Rías Baixas. Finalizará esta primeira parada cunha degustación de mostos e de viños para todos os asistentes. Xa pola tarde, desprazaranse ao municipio de Cambados, para visitar o Pazo de Fefiñáns.

Tamén o sábado 12, desde o porto do Grove partirá, ás 19.00 horas, a actividade Navegando coa Ruta, que ofrecerá unha viaxe en catamarán para 30 persoas acompañada, como non, dunha cata comentada de viños da Denominación de Orixe Rías Baixas polo catador Nacho Costoya.

O domingo 13, o propio Día Europeo do Enoturismo, o Salón José Peña de Cambados acollerá a celebración da V Cata Amateur Ruta do Viño Rías Baixas. A apertura de portas está prevista para as 10.30 horas. Un cento de persoas terán a oportunidade de pór a proba a súa habilidade como catadores, baixo as indicacións do catador David Barco, e de recibiren algúns  agasallos.

Comparte...