A entrega dos Premios Galicia Alimentación aposta pola innovación e a internacionalización

A entrega dos Premios Galicia Alimentación aposta pola innovación e a internacionalización

Este xoves entregáronse na Cidade da Cultura os Premios Galicia Alimentación, outorgados polo Clúster Alimentario de Galicia, que recoñecían o traballo de tres importantes empresas do sector alimentario: Cafés Candelas,  Quescrem e Conservas Portomar. O presidente do Clúster, Juan Vázquez, reiterou  durante o acto o apoio ás empresas que, como as anteriores, aposten pola innovación e o desenvolvemento de sector.

O sector leva anos de crecemento sostido, pero en canto ás vendas ao exterior, os datos son bastante favorables, cun volume de exportacións que aumentou un 5%  e cuxo valor se incrementou ata o 16%. Ademais, Vázquez subliñou a necesidade de atopar “novos nichos de mercado” no sector, pensando na exportación para “atraer talento e intelixencia, para poder ofrecer produtos máis competitivos”.

Para o xerente de Cafés Candelas, Román Alonso, que recibiu o Premio Galicia Alimentación ao proxecto empresarial 2018, é “un orgullo e un pracer chegar desde Lugo a clientes de Estados Unidos, Andorra, Portugal, Francia e Holanda”.  Para Alonso, “Galicia é unha marca asentada nos alicerces do traballo ben feito, do compromiso coa calidade, da excelencia e da innovación”.

Quescrem, empresa que naceu sendo un  spin- off da Universidade de Santiago de Compostela, agradeceu en boca do seu conselleiro delegado, Jesús  Zapico, o Premio Galicia Alimentación á estratexia de mercado e internacionalización 2018. Para  Zapico, “que se nos recoñeza nosa indubidable contribución á promoción da calidade e a imaxe dos produtos galegos, que actuaron como embaixadores de Galicia no exterior é algo que teño que nos emociona”.

O Premio Galicia Alimentación ao produto innovador 2018, que recaeu en Conservas Portomar polo seu abalón en conserva, foi recollido polo director xeral da compañía, Javier Alonso, que destacou o “recoñecemento ás inquietudes de innovar, de distinguirse e de tentar achegar algo novo nun sector tan maduro como o conserveiro”.

Pechábase así a cuarta edición dos Premios Galicia Alimentación 2018, nos que se recoñeceu o esforzo destas tres empresas, escollidas entre máis de 50 candidatas; á vez que se puxo en valor a necesidade de que o sector pense e aposte polo mercado exterior.

Comparte...