Estrella Galicia ultima a súa nova pranta industrial e amosa as súas cifras

Estrella Galicia ultima a súa nova pranta industrial e amosa as súas cifras

A inauguración oficial da nova planta industrial de Estrella Galicia levarase a cabo o 1 de marzo; unha planta da que xa saíron cervexas ao longo de 2012, tras superar o “exame” dos mestres cervexeiros da casa.

Hijos de Rivera concluíu a primeira fase de construción desta instalación, situada ao carón da súa fábrica de cervexa no Polígono da Grela da Coruña. O edificio alberga un novo cocedeiro que permite á cervexeira galega duplicar a súa capacidade de produción de cervexa ata os 250 millóns de litros anuais. Trala posta en marcha do novo cocedeiro, deben concluírse os traballos de remodelación exterior das instalacións.

Historia de Estrella Galicia

Dende a compañía sinálase que, tras 107 anos de historia, Hijos de Rivera emprende unha nova etapa coa inauguración da súa nova planta industrial. A compañía iniciou a súa actividade na zona portuaria da Coruña, no barrio de Catro Camiños, combinando a fabricación de xeo para embarcacións coa produción de cervexa.

Co tempo, o crecemento da demanda animou á terceira xeración da familia Rivera a construír unha nova fábrica. En 1973 inaugurábanse as instalacións do polígono da Grela e a antiga fábrica de Catro Camiños converteuse nunha cervexaría emblemática na cidade.

Agora, 40 anos despois, a casa dá un paso máis no seu desenvolvemento coa posta en marcha das súas novas instalacións situadas nun terreo anexo á fábrica.

Estrella Galicia, en datos

As novas instalacións sitúanse nunha parcela de 25.000 metros cadrados e supuxeron un investimento de máis de 10 millóns de euros. Nos últimos 5 anos, a empresa levou a cabo un investimento que supera os 165 millóns de euros en todos os seus ámbitos de actividade co obxectivo declarado de modernizar os seus centros produtivos, ampliar a gama de produtos e formatos, diversificaren as súas actividades dentro do seu sector para reforzar o seu servizo aos clientes, etc.

A compañía prevé un incremento de persoal dun 5% en 2013. Na actualidade, o equipo de Corporación Hijos de Rivera supera as 700 persoas, unha cifra que, segundo a casa, duplícase se temos en conta o emprego indirecto que xera a súa actividade.

Hijos de Rivera S.A.U. pechou o exercicio 2012 cunhas vendas netas de 205,759 millóns de euros, o que supón un incremento dun 7,8% respecto ao ano anterior e dun 48% nos últimos 5 anos.

En termos de produción de cervexa, en 2012 saíron da súa fábrica 122,5 millóns de litros, unha cifra un 8% superior á do ano anterior. Un dato que podería duplicarse a curto-medio prazo grazas á inauguración das novas instalacións.

Expansión

O plan de ampliación das instalacións da fábrica Estrella Galicia responde ao crecemento experimentado pola compañía que vén dado, principalmente, pola expansión a novos mercados de todos os seus produtos.

Na actualidade, as vendas de cervexa fóra de Galicia manteñen unha firme tendencia ascendente, sinala a empresa. Ademais de no resto de España, a Corporación Hijos de Rivera deu importantes pasos coa creación de filiais en China, Xapón, Brasil, Estados Unidos e Filipinas, e as exportacións dos seus produtos alcanzan xa máis de 35 países de todos os continentes.

Comparte...