O Cluster Alimentario promoveu unha demostración de “eyetracking”

O Cluster Alimentario promoveu unha demostración de “eyetracking”

O restaurante Casa Marcelo acolleu unha demostración de eyetracking, unha ferramenta a través da cal se analiza a experiencia de consumo dun cliente cando acode a un restaurante

Esta xornada estivo impulsada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), unha organización que busca desenvolver proxectos estratéxicos de I+D+i adaptados ás novas tendencias de consumo.

Durante a visita, os participantes do estudo debían levar as lentes de eyetracking que permitían rexistrar todos os movementos e fixacións visuais. En Casa Marcelo, os clientes debían probar un prato no comedor. Os resultados indicaron mediante mapas de calor concentrados que os clientes se fixaron en 3.000 puntos distintos en todo o restaurante.

Resultados

Nunha enquisa realizada, o tres factores que inflúen á hora de volver a un restaurante sería a innovación, o ambiente do restaurante e a alta calidade da comida. No entanto, na análise de comportamento subconsciente na mesa, a atención céntrase na elaboración dos pratos na cociña aberta, na presentación por parte dos cociñeiros e camareiros e nos ingredientes e compoñentes dos pratos, máis que na contorna exterior ou elementos decorativos do local e da propia mesa.

Unha das grandes novidades foi descubrir que a atención dos consumidores tamén se dirixe aos cociñeiros, os fogóns, o instrumental empregado na elaboración dos pratos… Tamén destacan os elementos dispostos nas barras, como as cartas.

Tecnoloxía punta

Os resultados son obtidos a través de focos infravermellos inseridos en lentes tecnolóxicas que reflicten na cornea da persoa obxecto de estudo, seguindo o movemento do seu globo ocular e a retención da súa pupila nun punto concreto do campo de visión. A partir de ambos os datos, un software calcula onde está focalizada a mirada en cada momento, os puntos de maior interese “subconsciente” e o patrón de visión.

Esta tecnoloxía foi incorporada no proxecto Marketlab do Clusaga para achegar ao sector alimentario galego o coñecemento do consumidor como unha ferramenta de vantaxe competitiva que a día de hoxe só posúen as grandes multinacionais de consumo. Esta entidade desenvolveu outros estudos de comportamento de compra en supermercados, de calidade percibida e de análise de packagking.

Este tipo de estudos axudan a comprender cada vez mellor aos clientes para poder ofrecerlles produtos que satisfagan as súas necesidades. Non só é importante comer e beber nun restaurante, afirma a organización, senón que “ten un papel fundamental a imaxe da cociña, a interacción co persoal, a decoración…, é dicir, a experiencia global”.

Comparte...