Falece o impulsor da  DO Ribeiro Avelino Lorenzo

Falece o impulsor da DO Ribeiro Avelino Lorenzo

Fondo pesar causou o falecemento, na madrugada do martes, do veterano viticultor e adegueiro Avelino Lorenzo, firme impulsor da  DO Ribeiro, de cuxo Consello Regulador foi membro durante máis dunha década.

Técnico de radio, Avelino Lorenzo atopouse de súpeto coa adega da súa nai e as terras con viñedos da familia da súa muller, o que lle levou a involucrarse cada vez máis no oficio do viño, tal e como lle contaba a Sole Felloza nunha reportaxe para Benbo hai uns anos. Decidiu entón innovar e apostar por prácticas como a separación das vides co fin de incrementar o seu rendemento e calidade.

A súa fe na zona vitivinícola do Ribeiro levoulle a priorizar as variedades autóctonas ou a recuperar os tradicionais viños de Tostado. Dinamizador en feiras e eventos, colaborou así mesmo en investigacións sobre o viñedo con organismos como a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia ou a Universidade de Vigo.

Premio Vida entre Vides

Todos estes méritos valéronlle no ano 2016 a obtención do premio “Vida entre Vides”, que concedía entón por primeira vez a DO Ribeiro para recoñecer “ás persoas que, co seu esforzo, foron pioneiras na modernización e avance da denominación de orixe máis antiga de Galicia”.

O seu traballo continúano os seus fillos na adega Herdeiros de Avelino Lorenzo, situada no baixo da casa familiar.

O enterro de Avelino Lorenzo terá lugar mañá, xoves 14, ás catro da tarde na parroquia de Berán (Leiro), onde nacera hai 88 anos.

Comparte...