A Feira do Viño de Monterrei celebrarase do 10 ó 12 de agosto con 16 bodegas participantes

A Feira do Viño de Monterrei celebrarase do 10 ó 12 de agosto con 16 bodegas participantes

Na fin de semana do 10 ao 12 de agosto celebrarase en Verín unha nova edición da Feira do Viño da Denominación de Orixe Monterrei, na que participarán un total de 16 adegas (das 26 que forman a D.O.). Para Lara Da Silva Rodríguez, presidenta do Consello Regulador da D.O. Monterrei, trátase dunha cifra “que consolida o apoio do sector vitivinícola a esta iniciativa”, que este ano celebra a súa edición número 13.

A inauguración da XIII Feira do Viño de Monterrei terá lugar o venres 10 na Alameda de Verín, a partir das 20.00h. O xefe de Extensión Agraria en Verín e un dos maiores impulsores da D.O. Monterrei, Castor Gago Álvarez será o encargado de dar o pregón nesta edición. A continuación na Igrexa da Mercé de Verín terá lugar a imposición de medallas ós novos membros da Confraría dos Viños de Monterrei, acto ó que están convidados todos os viticultores inscritos no Consello Regulador. “Do mesmo xeito que se fixo na pasada edición, e na recente conmemoración do 25 aniversario, queremos que sexan partícipes desta iniciativa, xa que sen o seu labor e a das adegas non existiría esta denominación” recoñecía Lara Da Silva, presidenta do Consello.

Así durante os tres días de feira haberá casetas na praza da Alameda de Verín, que contarán tanto con degustacións de viño como con produtos gastronómicos, pretendendo unir ambos mundos nunha mesma cita. As casetas estarán abertas o venres, sábado e domingo en horarios diferentes, e manterán os prezos de anos anteriores: 5 degustacións de viño da D.O. por 5 euros e unha copa personalizada da D. O. por 2 euros.

Ademais do viño, nesta edición terá lugar, como novidade, un stand de augas mineiromedicinais de Verín, no que se poderán probar as augas dos distintos mananciais da vila. O alcalde de Verín, Gerardo Seoane, explicou que son augas “recén extraídas dos mananciais e conservando todas as súas propiedades mineromedicinais intactas”. Aínda que recoñeceu que o evento xira arredor do viño, afirmou que “non debemos perder a oportunidade de visibilizar a outra gran potencialidade de Verín, que son as nosas augas”.

Ademais, tampouco faltará a animación musical con actuacións como as de SES ou Coti, que farán que se acheguen a Verín un bo número de persoas animadas pola combinación de viño, gastronomía e música que ofrece a XIII Feira do Viño de Monterrei.

 

Comparte...