A Festa do Botelo arranca mañá no Barco de Valdeorras

A Festa do Botelo arranca mañá no Barco de Valdeorras

Esta fin de semana, a localidade ourensá do Barco de Valdeorras celebra a súa tradicional Festa do Botelo cun amplo programa de actividades.

A celebración gastronómica, declarada Festa de Interese Turístico no ano 2014, arranca o sábado ás 11 da mañá cunha feira de produtos tradicionais. A praza Andrés de Prada acollerá, durante todo o fin de semana, os postos dos feirantes nos que se venderán botelos, marmeladas e meles galegas. Posteriormente, entregarase a Mención de Honra 2017 a Lula a Pulpeira, cociñeira encargada da elaboración do botelo durante 15 anos, seguido do pregón “falado e debuxado a dúas mans” a cargo do actor Carlos Blanco e o debuxante Luís Davila.

A degustación do botelo comezará ás 2 e media da tarde no pavillón de Calabagueiros, onde se cociñarán 750 quilos do embutido acompañados por 350 de verduras e 500 de patacas, e que os asistentes regarán con viño mencía. No espazo haberá tamén unha zona de venda de camisetas e de viño, así como un photocall e un fotomatón.

Pola tarde, o programa Aquí Galicia da TVG emitirá en directo dende a praza Andrés de Prada, e dará comezo a II edición dos Cantos de Taberna, na que varios grupos amenizarán diferentes bares da vila ata entrada a noite.

Xa o domingo, os visitantes poderán gozar da música do grupo Os Palletas e, como fin de festa, do espectáculo de Carlos Blanco e Luís Davila Menú de Noite. As entradas para a actuación, que se celebrará ás 7 da tarde no Teatro Laura Olmo, poden mercarse na tenda Ton y Son e na billeteira da propia sala unha hora antes da función.

Comparte...