Todo preparado para a Festa de Exaltación do Pan de Cea

Todo preparado para a Festa de Exaltación do Pan de Cea

A XXVI Festa de Exaltación do Pan de Cea xa ten todo listo para a súa inminente celebración, que terá no domingo 2 de xullo a súa xornada grande. A presentación do amplo programa de actos desenvolveuse no Centro Sociocultural da Deputación de Ourense. O presidente da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pan de Cea, Carlos Rodríguez, foi o encargado de desglosar a programación que se estenderá durante toda esta fin de semana. Dende a IXP prevén que este domingo se vendan arredor de 3.000 pezas deste produto no campo da Saleta, lugar onde se desenvolverá a XXVI Festa de Exaltación do Pan de Cea.

Os actos da xornada grande da festa comenzarán ás 10.00 horas cun pasarrúas a cargo de charangas ás 10.00 horas. Xa ás 12.00 horas, terá lugar a recepción de autoridades para despois dar paso á lectura do pregón (arredor das 12.30 horas). Os pregoeiros escollidos para esta vixésimo sexta edición son dúas caras ben coñecidas do programa televisivo Larpeiros: a reposteira Merchi Rodal e o cociñeiro Carlos Parra.

Coma en anteriores edicións, o acto central da Festa estará seguido pola homenaxe ás panadeiras e panadeiros xubilados do concello de Cea. A continuación, haberá unha actuación de Troula Group-Pandereteiras de Cea, prevista para as 13.15 horas, que dará paso ao tradicional xantar popular. Para esta cita, está previsto cubrir as 500 prazas dispoñibles.

Xa pola tarde, ofrecerase ás 20.15 horas unha degustación popular de mexilóns, doados por Amegrove SC, en combinación co Pan de Cea. A música correrá a cargo dunha orquestra. A celebración finalizará arredor das 21.00 horas.

Talla en directo e espacio expositivo

Por outra banda, Carlos Rodríguez salientou que unha das novidades desta edición será a talla en directo dunha figura de madeira, unha actividade desenvolvida en colaboración con Maforgal e Husqvarna. “Todos os asistentes á festa poderán ver o proceso de creación da escultura en madeira dunha panadeira de Cea”, afirmou o presidente da IXP. A peza, de forma cilíndrica, que tallará o profesional Marcos Mariño será de 1’80 metros de alto e 80 centímetros de diámetro.

O campo da Saleta acollerá un amplo espazo expositivo no que un total de 20 empresas da zona darán a coñecer os seus produtos. Artesanía e gastronomía daranse cita nesta mostra feiral, que se complementará co stand institucional onde se exporán produtos amparados por distintos Consellos Reguladores agroalimentarios galegos e co expositor do Instituto Ourensano de Desenvolvemento Económico (Inorde).

IV Ruta dos Fornos

Aínda que a xornada grande do Pan de Cea será o domingo 2 de xullo, xa para o sábado 1 de xullo terá lugar a cuarta edición da Ruta dos Fornos. Esta actividade pretende ser unha experiencia gastronómica que transcorre por 5 antigos fornos de pan ubicados na vila de Cea. Estos son os do Lodairo, da Parapeta, do Santo, do Abade e da Cebola. En cada un deles, os visitantes terán a oportunidade de degustar diversos pinchos con Pan de Cea acompañados por un viño pertencente a algunha das cinco Denominacións de Orixe galegas.

Para os pratos que se degustarán durante a Ruta dos Fornos, a IXP Pan de Cea conta coa colaboración dos expertos culinarios Emma Pinal, Martín Álvarez, Nuria González e Víctor Burgo, entre outros. O percorrido estará animado musicalmente por unha charanga e grupos de música tradicional.

Comparte...