A Festa do Melindre promocionouse no Fórum Gastronómico

A Festa do Melindre promocionouse no Fórum Gastronómico

O Concello de Melide promocionou a Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide no  Fórum Gastronómico, o principal evento de gastronomía e hostalaría a nivel nacional que celebrou en A Coruña os seus 20 anos de historia entre os días 10 e 12 de marzo.

Así, a Festa do Melindre contou cunha caseta propia, sendo a única celebración gastronómica da nosa comunidade cun espazo independente no evento, polo que pasaron máis de 24.000 persoas ao longo das tres xornadas. Os melindres, os ricos e os amendoados de Melide tiveron unha gran acollida entre o público profesional e xeral, como indica o preto do millar de doces que se repartiron a modo de degustación. Na caseta da Festa do Melindre estiveron presentes dúas das catro casas reposteiras que conforman a asociación Melide Terra Doce, Pastelería Estilo e Panadería Tahona, que tiveron un bo nivel de ventas.

Ademais, a Festa do Melindre tamén foi protagonista nun dos escenarios principais do Fórum Gastronómico, protagonizando o obradoiroRepostaría de Melide. O valor do Artesán” no Espazo Ágora o domingo 11, xornada para o público xeral e data principal do evento. A actividade, que colgou o cartel de ‘aforo completo’, estivo impartida por Alberto Rodríguez, mestre artesán da Pastelería Estilo e presidente de Asociación Melide Terra Doce, e foi conducida polo comunicador Xosé Manuel García, do programa radiofónico “Comer e Falar”. O mestre artesán contou ademais coa axuda e asistencia dun alumno de panadería, repostaría e confeitaría da EFA Piñeiral de Arzúa.

Os asistentes ao obradoiro puideron descubrir de primeira man os segredos dunha repostaría como a melidense, totalmente artesá e con centos de anos de tradición, coñecendo a calidade das materias primas, tocando as diferentes masas, e incluso tratando de dar forma aos ricos, melindres e amendoados. A actividade rematou cunha degustación de produto.

A alcaldesa de Melide, Dalia García, estivo presente o primeiro día do evento xunto ao concelleiro de Turismo, José Luis Arias, e manifestou a súa satisfacción pola presenza da Festa do Melindre nun marco como o Fórum, “consolidado como imprescindible para os profesionais da gastronomía, líder a nivel nacional e con clara vocación internacional”  que permite “promocionar a gastronomía local e impulsar o prestixio da nosa despensa fóra das nosas fronteiras”.

A Festa do Melindre, declarada de interese turístico, celebrarase este ano os días 11 e 12 de maio.

 

Comparte...