A Festa do Melindre de Melide colabora nunha campaña co Centro de Transfusión de Galicia

A Festa do Melindre de Melide colabora nunha campaña co Centro de Transfusión de Galicia

O Concello de Melide, en representación da Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional, realizará dende mañá 27 de abril e ata o próximo luns día 30 unha campaña para animar á poboación a doar sangue. Ademais, os participantes na campaña recibirán como agasallo un paquete de ricos, un dos doces que se exaltan na Festa do Melindre e que estarán elaborados de maneira artesanal.

A Festa do Melindre e da Repostaría Tradicional da Terra de Melide, cumpre a súa vixésimo sétima edición este 2018 e pretende continuar cunha iniciativa que xa puxo en marcha no ano 2013 en colaboración co Centro de Transfusión de Galicia.  Con ela, pretende poñer en valor a solidariedade da vila, xa que, Melide é un dos Concellos que rexistra un maior nivel de doazóns da Comunidade, segundo os datos do CTG.

Durante a fin de semana as doazóns serán no Concello de Melide, para que a veciñanza poida acudir a doar sangue ás unidades móbiles que se desprazarán á vila. Ademais, o día 30 de abril, as unidades móbiles desprazaranse a outros puntos da xeografía galega. Así, en A Coruña o lugar da doazón será no Cantón Pequeno; en Ourense, na Rúa Paseo; en Lugo, na Praza Maior e en Vigo, na rúa Príncipe.

Concienciar da importancia de doar sangue é o principal obxectivo da iniciativa que poñen en marcha conxuntamente o Concello de Melide e o Centro de Transfusión. Así, a campaña inclúese dentro do programa de actos da nova edición da Festa do Melindre, que se celebrará os próximos días 12 e 13 de maio no concello coruñés. Coma en anteriores ocasións a cita gastronómica contará cunha feira de produtos artesanais, diferentes actuacións musicais e persoeiros da gastronomía e outros ámbitos que realizarán a labor de embaixadores.

Comparte...