A Festa do Queixo volve chea de actividades da man do Efa Piñeiral

A Festa do Queixo volve chea de actividades da man do Efa Piñeiral

A actividade do equipo docente  e do alumnado do centro de formación profesional e promoción rural Efa Piñeiral prevese máis  intensa que nunca na 43 edición da Feira e Festa do Queixo de Arzúa. Así o manifestou a súa directora, Pilar Díaz-Caso, no acto de presentación oficial do evento que tivo lugar o 23 de febreiro nas dependencias do centro. Ademáis de demostracións de pastelaría e a exhibición e venta do producto no stand do centro dentro do recinto feiral, a fin de semana  virá cargada de acontecementos tendo ao queixo como protagonista, e que darán comezo o 27 de febreiro.

A xornada do martes 27 terá lugar en Piñeiral a cata e tertulia “Márketing e Queixo, Boas Prácticas”, a cargo de Óscar Pérez do consello regulador da denominación de orixe protexida Arzúa-Ulloa, e  ás catro da tarde, de Rosaura Leis, coordinadora dunha das unidades Pediátricas do Hospital Clínico de Santiago e profesora titular de Pediatría da Universidade de Santiago impartirá a tertulia técnica  “Un queixo que alimenta a túa saúde”.

O mércores 28 e o xoves 1 impartirase,  en horario de 15.00 a 17.00 horas,  o Obradoiro “Fotoqueixo”, Taller de fotografías de queixo, na que se darán consellos e técnicas para a fotografía de queixo e elaboracións en base a queixo, tanto para redes sociais como para comercio electrónico. Na tarde do sábado 3 a primeira edición do Concurso xuvenil de elaboracións “Pan&Queixo”, destinado a participantes entre 12 e 18 anos e baixo inscripción previa.

Asemade, o alumnado e docentes de Piñeiral impartirán o Obradoiro infantil de cociña “Un universo de criaturas de queixo” o  sábado  día 3 de 16.00 a 17.30 horas para cativos e cativas de 7 a 11 anos. Xa na xornada do domingo 4 celebrarase a Masterclass Piñeiral de Cociña Creativa, de 16.00 a 17.30 horas no recinto ferial para participantes a partir de 15 anos. Nesta actividade elaboraranse doces e salgados con queixo.

“A misión da Efa Piñeiral sempre estivo, e estará, vencellada  á formación,  á capacitación para o emprego, pero tamén á promoción rural, á dinamización do territorio, dos seus recursos e das súas potencialidades.  E sen dúbida algunha, falar de proxección en Arzúa pasa necesariamente por falar de  queixo” afirmou a directora do centro, Pilar Díaz-Caso, durante a presentación do evento. Todas estas actividades serán de balde e  estarán abertas para a participación, de interesados en xeral e profesionais do sector previa inscripción no 981500580 ou no mail pineiral@pineiral.es.

Comparte...