Festa anual dos empresarios de hostalería e turismo de Lugo

Festa anual dos empresarios de hostalería e turismo de Lugo

O encontro dos profesionais da hostalería da provincia tivo lugar no Hotel Torre de Núñez de Lugo. Durante a xuntanza, fíxose entrega dos galardóns que a Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL) outorga cada ano a hostaleiros cunha longa traxectoria profesional no sector e a persoas ou organismos que apoian incondicionalmente a difusión e promoción da gastronomía e turismo da rexión.

O presidente da APEHL, Cheché Real, foi o encargado de entregar o premio de Embaixador Hostaleiro da Provincia 2017 a Francisco Vázquez López. Natural de O Páramo marchou a Madrid con 18 anos e alí creou o seu gran proxecto hostaleiro rexentando os locais O Pazo de Lugo, o Mesón O Chacón, La Casa del Lacón e o Restaurante Portomarín, locais emblemáticos en Madrid para saborear as especialidades da cociña galega. Real ademais subliñou que “levou e segue levando o nome dos produtos lucenses fóra das nosas fronteiras e puxo sempre o seu gran de area para que o lema …E para comer, Lugo sexa ben recoñecido no resto de España”.

Asímesmo, a asociación de hostaleiros lucenses tamén quixo homenaxear a traxectoria doutras sete persoas. Neste senso, recibiron os premios Toda unha vida nos fogóns Rosario Abeledo Castro, do Mesón Santa Marina, de O Corgo;  Josefa Díaz Maseda, do Restaurante Polar, de Lugo; Aurora López Herbón, do Madeira, de Lugo; Manuel Pena Varela, do Restaurante Cofín, de Lugo; Mª Luz Somoza Fernández, do Restaurante Durán, de Escairón; e Ángel Cobas Lourés e Ana Veres Fernández, do Restaurante Cobas, de Lugo.

Cheché Real fixo referencia especial a esta edición do encontro xa que “a APEHL cumpre 40 anos. 40 anos de esforzo, de ideas, iniciativas, proxectos… todos eles para facer que o sector hostaleiro e turístico da provincia se mantivera no camiño do progreso e da innovación, como non podía ser doutra maneira”.

O evento reuniu a máis dun cento de hostaleiros chegados desde diversos puntos da provincia e contou coa presenza de representantes da sociedade e da política lucense e galega.

Comparte...