A Baña celebra 15 anos da Festa da Filloa da Pedra

A Baña celebra 15 anos da Festa da Filloa da Pedra

A Baña celebra 15 anos da Festa da Filloa da Pedra cun domingo de música, deporte, diversión e gastronomía

ACTUALIZACIÓN: A Festa da Filloa da Pedra da Baña celebrarase o domingo 25 de marzo

A Festa da Filloa da Pedra da Baña celebrará o domingo 25 á súa décimo quinta edición exaltando este produto inconfundible por sabor e calidade.

O programa de eventos comeza ás dez da mañá coa saída dunha ruta para bicicletas de montaña e permitirá ao público degustar filloas durante toda a xornada no polideportivo de San Vicenzo.

O Concello, en colaboración coa Asociación de Filloas da Pedra da Baña, preparou un amplo programa para celebrar que xa van quince anos de exaltación desta receita tradicional que leva o nome do municipio barcalés.

A festa abrirá ás dez da mañá, e desde esa mesma hora poderanse degustar filloas, das que se prevé elaborar máis de oito mil de 50 x 50 centímetros cada unha.

O primeiro evento do día será a II Ruta BTT Filloa da Pedra que levará aos ciclistas polos montes e espazos naturais da contorna. Está previsto que o último dos participantes chegue contra o mediodía, para proceder ás 15.00h á entrega de trofeos. A esta mesma hora daranse os premios do campionato de chave para adultos que se celebrará ás 10.30 h.

A profesora e escritora Marga Cancela Negreira será a encargada de ler o pregón da celebración. A Festa da Filloa da Pedra gozará de música e entretemento durante todo o día: ás 12.00 actuarán Os Campantes da Baña; ás 15.00, a charanga Pena do Corvo; e ás 18.30 a orquestra Santiago.

Para que nenos e nenas poidan tamén pasar un gran día, a organización disporá dun servizo de ludoteca de 12.30 a 15.30, e dunha tarde chea de animación. A partir das 15.30 haberá actividades como tiro con arco e zancos, e actuacións para público infantil como a de Paco Nogueiras (16.30 h) e Lydia Botana (17.30 h).

Comparte...