FIPORCO e a Festa do Cocido do Porco Celta, esta semana en Sarria

FIPORCO e a Festa do Cocido do Porco Celta, esta semana en Sarria

A comarca de Sarria celebra a súa homenaxe particular a un dos produtos galegos por excelencia con FIPORCO, a 1ª Feira Internacional do Porco, e coa IX Festa do Cocido do Porco Celta.

Así, ao longo de toda esta semana iranse sucedendo numerosas actividades relacionadas co porco e todos os produtos gastronómicos derivados. Ata o venres, poderanse degustar menús e racións co marrano como protagonista en diferentes restaurantes do municipio.

A xornada do sábado será a máis importante coa inauguración, ás 10 da mañá en Paseo do Malecón, da 1ª Feira Internacional do Porco, na que se expoñerán e venderán produtos derivados do cocho. Ás 12 da mañá terá lugar o pregón, que nesta primeira edición correrá a cargo de Xacobo Pérez Paz.

A partir do mediodía comezará a popular Degustación do Cocido do Porco Celta no pavillón da zona escolar e nos restaurantes Hotel Alfonso IX, Hotel Roma e Cafetería Santiago, de Sarria; e no Hotel A Veiga de Samos. Ás 4 nomearanse ás Cazoleiras e Tixoleiros do 2017 e actuará unha agrupación de gaitas.

Xa o domingo, os visitantes poderán participar nunha conferencia sobre produción ecolóxica no Hotel Alfonso IX, e ata as 4 poderán gozar dun xantar de ovos fritos con chourizo nos locais participantes do sábado. FIPORCO clausurarase, ademais, ás 3 da tarde.

Para poder acudir á degustación do Cocido do Porco Celta débese reserva mesa con antelación, nos teléfonos 982 53 00 05 ou 982 53 22 11.

Comparte...