Fisterra Bovine World: Cal é a mellor carne de vacún do mundo?

Fisterra Bovine World: Cal é a mellor carne de vacún do mundo?

Fisterra Bovine World é un proxecto único no mundo. O seu obxectivo? Determinar cal é a mellor carne de vaca entre 13 razas de distintas partes do planeta. Para iso, e tras moitos meses de traballo, os fundadores do proxecto, José Portas e Carlos Rolda (xerentes de Discarlux) elixiron unha leira de Trasmonte (Ames) como base de operacións para esta idea.

Esta leira galega, elixida pola súa contorna, a proximidade da auga e a súa situación a 20 km da costa, reunirá durante 2 anos a 13 razas de vacas diferentes procedentes de todos os lugares do mundo. Así, atoparemos:  Angus Aberdeen,  Wagyu,  Simmental,  Galloway,  Hereford,  Dexter,  Highland,  Cachena,  Limiá,  Sayaguesa,  Maronesa, Frisoa e Loura Galega (da que se incluíu vaca e boi). Escolléronse exemplares coa máxima pureza e unha idade semellante para sometelos ás mesmas condicións, tanto de alimentación como de coidados.  Estas trece razas estarán alimentadas e criadas á maneira de sistema gandeiro galego, baseado no millo e os pastos próximos ao mar.  Os responsables apostan así por promocionar o modelo galego de crianza e exportalo a razas de todos os lugares do mundo, para poder estudalo con parámetro obxectivos.

Pasados os 24 meses que dura o proxecto, procederase a unha cata a cegas das carnes das 13 razas con distintos especialistas do mundo, para determinar cal é a mellor de todas. Ademais, o experimento tamén valerá para ver como afectan a alimentación, a contorna e a biodiversidade propios de Galicia noutras razas, constatando se a súa calidade mellora ou empeora. Para recoller os resultados e o traballo realizado, finalmente prepararase un documental e un libro sobre o proxecto.

Ao acto de inauguración dos cortellos do Fisterra Bovine World, que tivo lugar este luns, acudiron un bo número de personalidades entre as que se atopaban o ex seleccionador Vicente Del Bosque ou o presentador de TVE Jota Abril, encargado de presentar o evento. No plano gastronómico a representación foi moi ampla, contando con recoñecidos chefs de dentro e fóra das nosas fronteiras como David Serra (do restaurante  Bocagrande), Gregorio  Tolosa ( Bidea2), Nuno Santos ( Puttanesca) ou Juan Pozuelo ( Lux), entre moitos outros.

Comparte...