Fotógrafo: Iván Nespereira

Programa do Fórum Cidade, o Fórum Gastronómico esténdese ás rúas da Coruña

Unha auténtica enchenta de actividades coa gastronomía e os viños no centro vivirase a partir do venres 14 na Coruña, co Fórum Cidade, o complemento do Fórum Coruña que se estenderá a prazas, mercados, restaurantes… e é que o Fórum é moito máis ca unha feira gastronómica.

Este Fórum Cidade contará con actividades como tapas e menús especiais; sesións vermú; cocido nos mercados municipais; noites do Fórum para degustar combinados especiais; múltiples catas, obradoiros e degustacións; o concurso Cociñeiro Junior Escuela Álvaro Cunqueiro Fórum Coruña do que xa se falou en Beno; combinacións de motos, gastronomía e viños; tapas “a catro mans” entre cociñeiros coruñeses e composteláns; maridaxe de viños e cine no Teatro Rosalía de Castro; cafés especiais; unha Festa Gastrofashion…

O Fórum contará cun punto de información no Mercado da Praza de Lugo durante a súa celebración. Ademais, os clientes do comercio coruñés poderán conseguir entradas para Fórum Coruña coas súas compras nos mercados e comercios da cidade.

Dossier Fórum Cidade do Fórum Gastronómico A Coruña

Desde o venres 14, serán 60 os establecementos de distintos barrios coruñeses que ofrecerán en “As Tapas do Fórum” unha creación especial, a un prezo único de 2 euros.

Un total de 36 restaurantes prepararon un menú orixinal con motivo da gran cita gastronómica. Trátase de  “Os menús do Fórum”.

Unha das acción máis populares será o “Cocido nos Mercados”. Distintos cociñeiros galegos reuniranse o sábado 22 no mercado de San Agustín para preparar un cocido que poderá degustarse, de balde, en cinco mercados da cidade pois se levará tamén a Conchiñas, Monte Alto, Praza de Lugo e máis Elviña. A acción servirá de apoio á Cociña Económica.

O Fórum Gastronómico tamén aquelou visitas guiadas lonxa da Coruña.

O programa de “As Noites do Fórum” permitirá gozar dunha Copa Fórum do venres 14 ao 25 de febreiro, en horario de 22:00 a 1:30 da noite en 15 locais que programarán distintas actividades como festas, catas, exhibicións de coctelaría, actos culturais …

Pola súa banda, o “Fórum Vermú” revitalizará a degustación desta bebida, en horario de 13:00 a 15.00 horas, en cinco establecementos coruñeses. Catro deles acollerán degustacións especiais de vermú Nordesía.

O programa do Fórum Cidade tamén conta con 13 accións de Catas e Talleres distintos, algún deles con varias sesións, coma uns cursos de cociña para nenos no Centro Ágora, unha clase maxistral de paella con Roberto Martínez, ceviches, doces e repostaría creativa, coctelaría, aceites con Tangerina and Co e Valderrama, corte profesional de xamón con Daniel Meneses, café, iniciación ao sushi con Pablo Viñas, queixos do grupo Coalbe, viños galegos, tiraxe de cervexa, foies singulares e viños doces, tentacións da provincia de Cáceres ou cursos de cociña coa chef Alma García. Estas catas e talleres ofrécense en múltiples localizacións da cidade.

O sábado 15 e o domingo 16, a Escola de Hostalaría Álvaro Cunqueiro da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalaría de A Coruña acollerá as xornadas do I Concurso ‘Cociñeiro Junior’ Escola Álvaro Cunqueiro Fórum Coruña, que vivirá a súa final no propio Fórum Gastronómico o domingo 23, en Expocoruña.

Unha das propostas máis orixinais do Fórum Cidade é Parellas Desconcertantes. O sábado 22 ás 12 horas nos Xardíns de Méndez Núñez, o Taller Atlántico Contemporáneo TAC interpretará xunto a nove motoristas a obra Harley Davidson do compositor alemán Dieter Schenedel. A música combinará cunha degustación do chef Pepe Solla e viños da D.O. Monterrei.

Oito restaurantes serán sede de “2 cidades, 4 mans”, unha serie de xuntanzas que, a noite do domingo 23, reunirá a cociñeiros santiagueses e coruñeses que, “a catro mans,” han cociñar tapas especiais a un prezo de 2 euros.

“Viños de Cine” reunirá no Teatro Rosalía de Castro o luns24 a fragmentos de películas, viños de autor e comentaristas “de cine”, nunha acción promovida polo sumiller Xoán Cannas e o Instituto Galego do Viño, cun prezo de 25 euros.

O Café e Boutique Siboney ofrecerá do 14 ao 25 de febreiro unha mestura especial de cafés acompañada de biscoitos especiais. Será o “Blend de Cafés”.

O Centro Médico – Estético NIUNO e Galicia de Moda organizan a festa “Gastrofashion” na que moda e beleza serán as protagonistas, da man da bebida Pink Cow saída do maxín de Flavio Morganti. Será o venres 14 de febreiro, con aforo limitado e entrada gratuíta.

Comparte...