Iván Nespereira

O Fórum Gastronómico da Coruña: cifras da feira e programa sobre viño, coctelaría e licores

O Fórum Gastronómico da Coruña está as portas. Unhas 400 marcas representadas e máis de 100 empresas e institucións sumáronse, segundo a organización,  a unha cita que contará con 5.000 metros cadrados de feira, cun notable incremento respecto das cifras manexadas nas edicións celebradas en Santiago de Compostela.

Algúns dos expositores programaron actividades propias nos ateneos do Fórum ou nos seus propios postos, como catas de produto ou presentacións. Estas actividades, que poden consultarse no portal web www.forumcoruna.com, complementan e supoñen un valor engadido ao programa oficial do Fórum.

Cómpre salientar que  xa é posible apuntarse aos obradoiros e sesións do Fórum Gastronómico; se ben algunhas das sesións xa colgaron o “non hai billetes”.

Nos distintos postos da feira do Fórum poderanse encontrar viños, cavas, cervexas e bebidas; especias; cafés; proxectos e equipamento integral de hostalaría; maquinaria; imprenta profesional; lácteos, queixos e derivados; aceites; xamóns e embutidos; institucións e centros de formación; confeitaría; denominacións de orixe; empresas de distribución; carnes; peixes e mariscos; conservas; xeados; cogomelos; produtos da horta; pastas….

O viño no Fórum Gastronómico da Coruña

O Fórum conta cunha programación e espazos específicos para a divulgación do mundo da viticultura e a coctelaría.

Enólogos, viticultores, sommeliers,  expertos, prescriptores e público gourmet reflexionarán no marco do Fórum Viño, intercambiando experiencias e catando as mellores botellas.

Josep Roca, de El Celler de Can Roca comandará “Mares de viño”, unha sesión para atopar unha selección de viños únicos. Será unha viaxe a través do tempo e a historia por diversos mares que conducen o viaxeiro imaxinario dende Exipto até Galicia. Os asistentes poderán degustar, entre outros, viños chegados de Sicilia o Xeorxia, malvasía de Lanzarote, doces de Porto e Setúbal, tostado do Ribeiro, Rías Baixas… A sesión de Josep Roca acontecerá no Ateneo, o domingo 23 de 12:30 a 13:30 horas.

Será o primeiro grolo pero o martes 25 chegará o gran día do viño e a coctelaría no Fórum, con tres interesantes sesións a cargo de expertos e a celebración do Mercado do Viño.

Luis Paadín será o anfitrión do obradoiro “Os cinco mellores viños de Galicia e un destilado”, unha degustación en primicia dos viños e destilados que conseguiron os premios Grande Ouro na Guía de Viños, destilados e adegas de Galicia 2014. A cita será de 13:00 a 14:00 horas, no Ateneo 2.

Juan Muñoz, presidente da Academia de Sumillería e Máster Sumiller, achegarase en “A revolución do gin-tonic, o último en coctelaría” ás propostas combinatorias que revolucionaron o mundo dos cócteles. No Ateneo 2, de 16:00 a 17:00 horas.

Pola súa parte, Xoán Cannas, director do Instituto Galego do Viño, proporá en “Clasicismo versus modernidade no viño galego actual” novos camiños á hora de entendermos esa relación entre tradición e novos tempos para as cepas e modos de facer viños en Galicia. Ateneo 1, de 18:00 a 19:00 horas.

O Mercado do Viño será un espazo específico que, o martes 25 de febreiro, ha servir de lugar de encontro e presentación de novas expresións en viticultura; un escaparate para viños de autor, elaborados baixo o compromiso e a diferenciación. O Mercado do Viño conta coa colaboración do Instituto Galego do Viño.

As adegas e os viños e licores tamén estarán representados na Feira do Fórum Gastronómico, onde será posible atopar as novidades de distintas marcas e denominacións de orixe como Habelas Hailas, D.O. Ribeiro, D.O. Monterrei e D.O. Valdeorras, entre otras.

Ademais, algunhas das empresas e institucións representadas na Feira profesional, ofrecerán catas e organizarán sesións para achegarse aos seus viños e licores, estas accións están englobadas no programa de actividades de expositores. Viña Costeira e Marqués de Vizhoja son algúns dos expositores que ofrecerán catas no ateneo.

O Fórum Cidade, as actividades que levarán a enogastronomía ás rúas e prazas da Coruña, tamén contará con accións nas que o viño será protagonista.

Comparte...