Dando pasos para o novo Fórum Gastronómico da Coruña, en marzo

Dando pasos para o novo Fórum Gastronómico da Coruña, en marzo

Expocoruña será, de novo, a sede da terceira edición de Fórum Gastronómico na Coruña. A cita para os amantes dos viños e a gastronomía será do domingo 12 ao martes 14 de marzo

A organización do Fórum Gastronómico avanza as liñas da súa nova edición en Galicia que repite do 12 ao 14 de marzo no recinto feiral de ExpoCoruña, na que será a súa sexta edición no país, trala súa aterraxe inicial en Santiago de Compostela.

A comercialización do espazo feiral, que medra nun 30%, marcha a bo ritmo e, segundo os seus datos, a dous meses do evento, xa se vendeu un 85% do mesmo. A satisfacción das empresas expositoras na pasada edición fixo que moitas delas repitan neste 2017. O espazo feiral do Fórum será desta volta un escaparate das novidades do sector e unha magnífica plataforma comercial para estableceren contactos e captar clientes.

O programa de actividades xirará arredor da nova cociña galega e, ademais das novas promesas e dos grandes profesionais galegos, tamén contará con destacados chefs chegados de distintos puntos da península.

No 2015, Fórum Gastronómico A Coruña recibiu máis de 23.000 visitantes no recinto feiral e contou con máis de 70 actividades con cociña en directo a cargo de 70 relatores. Na feira estiveron representadas máis de 600 marcas.

Desta vez, o Fórum Cidade contará con distintas actividades coa colaboración do colectivo Coruña Cociña. O Fórum Cidade estende o evento máis alá do seu recinto e fai copartice aos veciños do mesmo.

Comparte...