Fórum Gastronómico da Coruña. Cinco candidatos optarán ao premio Cociñeiro 2019

Fórum Gastronómico da Coruña. Cinco candidatos optarán ao premio Cociñeiro 2019

Do 10 ao 12 de marzo, Fórum Gastronómico volve á Coruña

A primeira xornada do Fórum Gastronómico A Coruña 2019 será o día no que se dará a coñecer o nome do Cociñeiro 2019 Fórum Gastronómico, un galardón que desde 2014 enaltece e recoñece o labor dos cociñeiros emerxentes que ofrecen propostas culinarias de calidade, utilizan produtos de proximidade, fan unha cociña sustentable e difunden estes valores.

A mañá do domingo 10 de marzo terá lugar no Auditorio a sesión na que os 5 candidatos amosarán en directo as súas cualidades.

Os cinco finalistas son: Alén Tarrío (Pampín, Santiago); Carlos González (Merenzao, Sober, Lugo); Gerson Iglesias (Adega das Caldas, Ourense); Adrián Fuentes (Abisal, Vigo) e máis Víctor Fernández (Morro Fino, Vigo).

Os candidatos, preseleccionados por un xurado especial, destacan por ofreceren nos seus establecementos unhas propostas culinarias apegadas á terra e á súa contorna, pero tamén por achegar toques de innovación e un selo ben persoal. Todos eles cociñarán en directo o día 10 un prato que os identifica e que resume a súa cociña e a súa filosofía.

Nas anteriores edicións os premiados foron Diego López (La Molinera, Lalín) no 2014; Gorka Rodríguez (A Pulpeira de Melide, A Coruña) no 2015 e Jorge Gago (A Maceta, Santiago) no 2017.

Outros premios no Fórum Gastronómico de A Coruña

Ademais do Cociñeiro 2019 Fórum Gastronómico, o Fórum acollerá outros premios e concursos como os Premios Picadillo en recoñecemento á traxectoria profesional de cociñeiros, enólogos, responsables de sala, produtores e divulgadores da cultura culinaria e os Premios InnoFórum que premian a innovación na gastronomía salientando o produto máis innovador, a embalaxe máis creativa e o gusto máis orixinal.

E non ha faltar os tradicional Concursos de Polbeiras/os, que chega xa á sétima edición, e que premia a habilidade dos profesionais na elaboración e servizo do Polbo á Feira. Dotado con tres premios, está aberto a todos aqueles profesionais galegos que desexen amosar a súa destreza na arte de cociñar un bo polbo.

Fórum Gastronómico A Coruña 2019 conta co apoio de Estrella Galicia como patrocinador principal ademais de Cabreiroá, Pujadas ou Cacao Barry, e mailo soporte técnico de Makro, Abril, Josmaga, Instituto Galego do Viño, Tawi, Bragard ou Audi Arrojo, entre outros.

Nado no 1999, o Fórum Gastronómico celebra este 2019 os seus 20 anos de vida.

Actualmente conta con tres sedes, Girona, Barcelona e A Coruña.

Comparte...