Novo Fórum Gastronómico en Barcelona, do 23 ao 26 de outubro

Novo Fórum Gastronómico en Barcelona, do 23 ao 26 de outubro

O Fórum Gastronómico volve a Barcelona para a súa edición do 23 ao 26 de outubro, conxunta con Hostelco, e amosou os seus relatores e eixos temáticos

O Fórum Gastronómico recunca, por segunda vez, na capital catalá e desvelou as súas liñas mestras na súa presentación oficial. As inscricións xa están abertas no seu portal web.

Pep Palau, director do evento gastronómico, destacou que este Fórum Gastrónomico contará con 7 espazos de actividades ademais dunha gran feira; será “máis grande, máis forte e con máis proxección que nunca”.

O Fórum celébrase dacabalo entre Cataluña e Galicia, e está prevista unha nova edición na Coruña en 2017.

A inmediata cita barcelonesa terá máis de 80 actividades e máis de 100 relatores, coa presenza galegade Javier Olleros, quen compartirá focos con Jordi Cruz, Paco Pérez, Carme Ruscalleda, Nandu Jubany, Ricard Camarena, Josean Alija, Víctor Quintillà, Jordi Vilà, Oriol Castro, Sergio e Javier Torres ou Xavier Pellicer, entre outros.

O recinto Gran Vía de Fira de Barcelona é o destino, entre o 23 ao 26 de outubro, para os amantes da gastronomía e o sector profesional.

O universo doce será o eixo principal. Algúns dos protagonistas serán Ramon Morató, Josep Mª Ribé, Miquel Guarro, Daniel Álvarez, Raúl Bernal, Jordi Butrón y Xano Saguer, David Gil, Oriol Balaguer, Christian Escribà, Jordi Bordas, Rafa Delgado, Betina Montagne, Marco Leone, Pol Contreras, Olivier Fernández, Paco Torreblanca, Carles Mampel ou ben Massimo Pignata, entre outros.

Ademais, na presentación, Pep Palau tamén salientou a presenza de estrelas internacionais da pastelería, coma os franceses Patrick Roger e Yann Couvreur ou a rusa Nina Tarasova.

O pan e o viño recibirán unha atención especial, do mesmo xeito que a coctelería, con profesionais como Javier de las Muelas ou Simone Caporale, considerado, por algúns, coma “o mellor coctelero do mundo”.

As sesións do Auditorio son de libre acceso coa compra da entrada ao recinto. Para os obradoiros, demostracións de cociña en directo con degustación, é necesaria a inscrición previa. Teñen un prezo de 25 euros e as prazas son limitadas.

O espazo feiral do Fórum Gastronómico volverá acoller a prestixiosas marcas de alimentación e distribución; con espazos temáticos dedicados ao doce, ao viño e á coctelería, e a pequenos produtores. A organización quere destacar a ampliación da feira, que medra nun 30%, e unha importante internacionalización coa presenza de empresas de Xapón, Reino Unido, Francia, Holanda, Alemaña, Irlanda ou Bélxica, entre outros.

Botando contas, estarán representadas máis de 500 marcas e 70 empresas expoñerán por primeira vez no Fórum. Ademais do programa oficial de actividades, as empresas expositoras contarán con espazos nos que poderán presentar e dar a probar os seus produtos.

Comparte...