O Fórum Gastronómico acollerá unha misión comercial para fomentar a exportación

O Fórum Gastronómico acollerá unha misión comercial para fomentar a exportación

A Coruña será o epicentro da gastronomía do 12 ao 14 de marzo cunha nova edición de Fórum Gastronómico, que terá lugar en ExpoCoruña

Este ano, máis de 200 expositores estarán presentes no Fórum Gastronómico A Coruña 2017, un espazo feiral que creceu un 30% respecto da última edición, segundo datos da organización. Ademais de Galicia, non faltarán empresas chegadas do resto de España, como Andalucía, Cataluña, Estremadura, País Vasco, Castela e León, Aragón, Murcia, Cantabria, Madrid, Navarra, Canarias, Valencia ou A Rioxa, aparte de empresas internacionais procedentes de China, Países Baixos ou Portugal.

Misión inversa con 46 empresas e 12 compradores de 6 países

A Cámara de Comercio da Coruña xunto con Fórum Gastronómico organiza unha misión inversa con 12 importadores estranxeiros procedentes de Holanda, Bélxica, Reino Unido, Irlanda, Polonia e México.

Esta misión inversa, que terá lugar os días 12 e 13, vai dirixida especificamente a empresas galegas interesadas en abrir novas vías de distribución dentro da canle HORECA de hostalería, restauración e catering. En total participarán nesta acción 46 empresas.

A Feira

Nesta edición, de entre o total de empresas participantes, un 45% fano por primeira vez no Fórum, de acordo cos datos da organización. Ao longo de tres xornadas, as empresas terán unha oportunidade única para dar a coñecer os seus produtos ante un público profesional.

Nas distintas casetas poderanse atopar viños, cava, licores e bebidas; denominacións de orixe; produtos gourmet; xamóns e aceites; cafés; servizos e equipamento para hostalería, maquinaria e ferramento; queixos, xeados e lácteos; carnes, peixes e mariscos; froitas e derivados; institucións; conservas e conxelados, entre outros sectores.

Ademais, son moitos os expositores que programaron actividades propias nos talleres do Fórum ou nas súas propias casetas, como catas de produto ou presentacións, as cales, poden consultarse na páxina web do Fórum e complementan e supoñen un valor engadido ao programa oficial do evento.

Entre as actividades destacan tamén os premios e concursos impulsados polos expositores. É o caso de Estrella Galicia que celebrará no Fórum o IV Campionato Nacional de Tiraxe de Cervexa. Ademais, contará cunha aula propia con actividades durante os tres días na que realizarán talleres, maridaxes e catas.

Comparte...