A Gala Showcooking De Tapas por Galicia decide cal é o mellor pincho das sete cidades galegas

A Gala Showcooking De Tapas por Galicia decide cal é o mellor pincho das sete cidades galegas

Os gañadores dos concursos de tapas das sete cidades galegas compiten o martes 4 de xullo en Santiago na Gala Showcooking Mellor Cociñeiro De Tapas por Galicia, organizada por Turismo de Galicia. O evento, que chega á súa terceira edición, repartirá o Premio do Xurado Profesional, formado por profesionais da gastronomía e do turismo; e o do Xurado Popular, outorgado por unha selección dos asistentes á gala.

A final celebrarase ás 20.00 no Hotel San Francisco Monumento, en Santiago de Compostela. De Tapas por Galicia busca promover o turismo urbano e gastronómico aproveitando a puxanza dos cociñeiros galegos, e especialmente a súa creatividade á hora de idear este tipo de pratos de pequeno formato.

Os cociñeiros finalistas son Rubén González e Sergio Orge, gañadores en 2016, do Cafetín (Pontevedra); Chisco Jiménez e Xalo Muñiz da Taberna da Galera (A Coruña); Pablo Vila, do Hotel Puerta del Camino (Santiago); Pablo Fuentes e Alberto González, de La Taberna de Estrella (Ferrol); Rafael Pérez Iglesias, de La Carpintería (Vigo); Miguel González Quintela, do Restaurante Gastrobar Sanmiguel (Ourense); e Álvaro Villasante Armas, do Paprica (Lugo). Decidirán o Premio do Xurado Profesional Cesáreo González Pardal, Secretario do Clúster de Turismo de Galicia; Roberto Walther, xefe do Departamento de Cociña no Centro Superior de Hostelería de Galicia; Belén do Campo Piñeiro, Directora Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias; José Manuel García, xornalista da Radio Galega; e Gerson Iglesias, cociñeiro e gañador do premio do público o ano pasado.

Comparte...