Música en directo e viño na cuarta edición do Ribeiro Son de Viño do Grove

Música en directo e viño na cuarta edición do Ribeiro Son de Viño do Grove

A xerente do C.R.D.O. Ribeiro, Cristina Alcalá, presentou o cartel definitivo da cuarta edición de Ribeiro Son de Viño, un festival 100% galego que fusiona concertos con degustacións dos mellores viños da D.O. Ribeiro.

Malandrómeda, Escuchando Elefantes, De Vacas, Sen Senra e Kings of the Beach serán os protagonistas musicais da vindeira edición do festival, harmonizando coas súas cancións os viños das adegas Alberte, Viña Meín, Viña Costeira, Eduardo Bravo, Villanueva e Son de Arrieiro.

Ribeiro Son de Viño é o único festival de Galicia que combina música en directo con degustacións de viños da Denominación de Orixe Ribeiro, un evento diúrno que este ano inclúe unha actividade sorpresa entre adegueiros e músicos que se desenvolverá a media tarde.

Posiblemente esta sexa a edición máis ecléctica de todas as que se celebraron ata o momento. Os que asistan o 15 de xullo ao Náutico de San Vicente do Mar poderán gozar dunha fusión de estilos que inclúen rap, folk, pop negro, r&b, soul, indie rock, garage, punk, surf e ata a canción do verán, Despacito, revisitada en chave galega.

Durante todo o evento, que comeza ás 13.00 horas e se estende ata as 3.00 da madrugada, os responsables das adegas estarán a disposición de todos os asistentes para guialos nas degustacións e conversar sobre a variedade e diversidade que esta zona ofrece, sempre cun denominador común, a calidade e as súas variedades de uva autóctonas.

 

RIBEIRO COS ILUSTRADORES GALEGOS

O cartel desta edición é obra da deseñadora galega María Viñas. Formou parte do colectivo de Performances y Asociación Cultural Flexo e coordinou o Festival IFI (de Novas Tendencias de Galicia). Durante tres anos traballou de xeito continua para dúas editoriais especializadas en publicacións de carácter médico e científico. Tamén realizou traballos de carácter publicitario e artístico e colaborou puntualmente como ilustradora téxtil.

Actualmente imparte clases de debuxo no CASB, unha iniciativa de colaboración desenvolta por sete das universidades norteamericanas máis recoñecidas en conxunción con outras tres españolas, a alumnos das mesmas.

As entradas para a gran celebración do verán están á venda en ticketea por 12€.

Comparte...