Sergi Arola, Pepe Vieira e Iago Pazos analizan as claves do éxito empresarial en restauración no CIFP Compostela

Sergi Arola, Pepe Vieira e Iago Pazos analizan as claves do éxito empresarial en restauración no CIFP Compostela

O salón de actos do CIFP Compostela recibiu a tres dos mellores cociñeiros a nivel nacional e internacional co gallo do seu 50 aniversario. Sergi Arola, Pepe Vieira e Iago Pazos compartiron escenario para falar sobre “O éxito empresarial na restauración. A figura do chef emprendedor”, noutra memorable xornada para alumnos, ex alumnos, profesionais e amantes da boa cociña no centro de Lamas de Abade.

Sergi Arola, discípulo de Ferrán Adrià e un referente da cociña española tralo seu paso polos principais laboratorios de cociña creativa, tratou a cuestión da “Marca persoal en restauración”. O seu estilo, baseado “na fusión das tradicións locais, os sabores coñecidos e a imaxinativa posta en escena” e a súa aposta por unha experiencia “divertida e sorprendente arredor da boa mesa” na que conflúen receitas orixinais da cociña española e catalá e a presenza “delicada” da alta gastronomía, permitíronlle ser o primeiro chef en recibir dúas estrelas Michelin na mesma edición da guía.

O chef galego Pepe Vieira, responsable dos fogóns de Pepe Vieira e Ultramar e integrante do GrupoNove, fixo fincapé no seu relatorio na dificultade de atopar unha “idea clara e definida” para montar un negocio de restauración. O cociñeiro falou da importancia de coñecer ao público ao que se quere chegar, onde está e cal é o plan de empresa, e tamén das grandes dificultades ás que todo chef emprendedor debe facer fronte: “atopar unha boa situación e lidar coas licenzas e co financiamento”. Pero a pesar dos atrancos, Pepe Vieira recoñeceu a satisfacción que aporta ter un negocio onde, ademais da figura do cociñeiro, é fundamental “rodearse dun bo equipo”.

Iago Pazos realizou un repaso pola traxectoria de Abastos 2.0, que comezou o seu camiño no 2009 no Mercado de Abastos de Compostela. Explicou o seu concepto gastronómico, bautizado como ‘Cociña da normalidade’, “chea de respecto e honestidade” na que a materia prima é a raíña e os produtores “teñen nome e apelidos”. O escenario, o trato e a importancia das pequenas cousas redondean unha idea de negocio gastronómico enfocada no Atlántico noroeste e feita “para sentir”.

Estas charlas pechan a primeira parte do programa de actividades que o centro educativo organiza polo seu 50 aniversario. Os actos reanudaranse despois do verán, nos meses de outubro e novembro, con máis conferencias e catas en directo. Pódese consultar a programación completa a través da páxina web habilitada pola escola para a ocasión: http://50cifpcompostela.com/gl/http://50cifpcompostela.com/gl/.

Comparte...