Galicia brilla con 37 Soles Repsol, 3 deles para Pepe Solla

Galicia brilla con 37 Soles Repsol, 3 deles para Pepe Solla

Casa Solla é o primeiro restaurante galego en conseguir 3 Soles Repsol.

A Guía Repsol 2015 concedeu ao restaurante de Pepe Solla, Casa Solla, en Poio (Pontevedra), o seu terceiro Sol Repsol e 25 establecementos galegos máis foron galardoados con este distintivo, dous máis que na edición 2014. O chef da cidade do Lérez acada deste xeito unha distinción que comparte con algúns dos máis prestixiosos profesionais do país coma Joan Roca, do Celler de Can Roca, Juan Mari Arzak, do restaurante Arzak ou Pedro Subijana, de Akelarre. Casa Solla convértese, así mesmo, no restaurante máis galardoado en Galicia se temos en conta as Estrelas Michelin que mantén dende o ano 1980, ininterrompidamente.

Esta edición a prestixiosa publicación outorgou dous Soles Repsol a nove restaurantes galegos. Manteñen a súa puntuación Culler de Pau, D’Berto, Galileo e Pepe Vieira. Únense ó grupo como novidade Acio, Alborada, Maruja Limón, Retiro da Costiña e Yayo Daporta.

16 restaurantes galegos máis foron recoñecidos con un Sol Repsol, que lles confire a distinción de cociña de gran calidade e variedade suficiente. Estes restaurantes son, un ano máis, A Taberna, As Garzas, Casa Bóveda, Casa Marcelo, Dos Reis, El Refugio, España, La Taberna de Rotilio, Nito, Pablo Gallego, Pulpeira de Melide, Silabario e Toñi Vicente. Entran nesta lista por primeira vez A Estación, A Gabeira e Árbore da Veira.

O Grupo Alborada Hostelería, de orixe coruñés e ó que pertence o restaurante Alborada, acada tamén un Sol Repsol no seu novo establecemento en Madrid, Alabaster. Esta etapa de recoñecementos coinciden coa incorporación en abril de Iván Domínguez como director gastronómico.

Os Soles Repsol son outorgados pola Asociación de Amigos da Real Academia de Gastronomía e a Cofradía de la Buena Mesa. Con eles certifícase a excelencia culinaria, a calidade da materia prima e a súa execución, o respecto pola cociña da rexión, a súa carta de viños e o servizo de mesa e sala. Turismo de Galicia lanzaba en outubro a primeira guía online de restaurantes galardoados con este distintivo no 2014, unha iniciativa que pretende poñer en valor a gastronomía galega como elemento que constitúe vantaxes competitivas e diferenciais respecto doutros lugares do noso país.

Comparte...