Presentan en Santiago un documental sobre emprendedores gastronómicos

Presentan en Santiago un documental sobre emprendedores gastronómicos

“Galiza emerxente”, un documental que reflicte as experiencias de sete emprendedores galegos impulsado pola Fundación Vicente Risco, será presentado o vindeiro xoves 13 de decembro na Nave de Vidán (Avenida Mestra Victoria Míguez, 44, en Santiago de Compostela). Tras a proxección do vídeo e do coloquio posterior, asistentes e protagonistas poderán degustar algúns dos mellores produtos da alta cociña galega, combinados nunha maridaxe cinco estrelas.

Catro dos sete emprendedores do documental están relacionados co mundo da gastronomía. Son o cociñeiro André Arzúa (A Fábrica de Vilanova, Allariz), o enólogo José Luis Mateo (Quinta da Muradella) e María Estévez, da firma de aceite galego Olei. Tamén ten relación coa gastronomía, a través dun futuro licor de castañas Rubén Riós, que no documental se presenta na súa faceta de actor e produtor. A cantante Guadi Gallego, a deseñadora Mónica Guillán e o produtor Moisés San Roman completan a lista de protagonistas do documental.

Para a degustación posterior os organizadores contan coa colaboración da DOP Queixo Arzúa-Ulloa, IXP Mel de Galicia, IXP Pan de Cea, IXP Pataca de Galicia e IXP Ternera Gallega, que comporán o menú; ademais dunha selección de produtos da empresa distribuidora Summun Delicatessen e dos viños A Quinta da Muradella da DOP Monterrei.

A proxección realizarase a partir das 20 horas.

O sábado 15 o documental tamén se proxectará no concello ourensán de Cea.

Foto: antigo muíño de olivas (Olei)

Comparte...